Impulsan desde Pontevedra unha plataforma para fomentar o consumo responsable de roupa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Visibilizar e promover outro modo de producir e consumir roupa en Galicia. ÿ o obxectivo con que a organización Amarante Setem impulsa a creación da Plataforma Galega de Moda Sostible. Os seus promotores apostan por canles de comercialización de pezas de segunda man ou a través de iniciativas, marcas e diseñadores que fan roupa "con criterios sociais e de sostenibilidade, tecidos ecolóxicos, de comercio xusto e producida en Galicia".
Nun encontro celebrado este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra puxéronse as bases desta plataforma, cuxos integrantes son novos diseñadores, estudantes de último curso das escolas galegas de moda, tendas de segunda man e tendas de roupa ecolóxica. Foi unha primeira toma de contacto antes do lanzamento oficial da plataforma web, previsto para o próximo mes de maio.
Baixo o lema "MOV3.Galicia viste consciente", este colectivo prevé crear unha páxina na Internet a modo de directorio para que as persoas interesadas teñan acceso á oferta existente en Galicia. Trátase un proxecto "integral e colaborativo", segundo os seus impulsores, no que conviven tanto profesionais en activo con pequenos negocios, como principiantes que se inician neste sector "para que cada un poida traballar no seu ámbito".
Neste encontro participou a diseñadora María Almazán que impartiu un taller de formación aos integrantes deste colectivo para que compartan "uns estándares de sostenibilidade e dignidade laboral" comúns. Esta fase formativa permitirá que os participantes deseñen unha peza de roupa orixinal partindo de criterios ecolóxicos ou relacionados co comercio xusto, e utilizando teas confeccionadas en talleres galegos que Amarante porá á súa disposición.
Ademais, o ilustrador Iván R documentará nun traballo audiovisual todo o proceso, que se mostrará a través da plataforma MOV3 para "visibilizar a trazabilidade das pezas creadas", xunto coa posta en valor das tendas de recuperación de roupa de segunda man, e onde todas terán un espazo permanente e dinámico de difusión e comunicación dos seus proxectos.
A Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior colaboran económicamente na posta en marcha desta iniciativa.