A Praza de Ourense acollerá un mercado transparente para promover un consumo responsable
Por Redacción
Amarante Setem inicia a súa campaña de Nadal con unha actividade de sensibilización e información das alternativas de consumo que supoñen a mellor forma para se enfrontar á crise económica, social e ambiental que estamos a vivir: a organización de un mercado transparente, que oferta produtos elaborados tanto en Galicia como en países menos desenvolvidos baixo os estándares de dignidade, calidade e saúde do Comercio Xusto.
O obxectivo desta iniciativa é mostrarlle á cidadanía que existe toda unha inmensa variedade de produtos de calidade e a prezos asequibles que respectan os dereitos humanos e o medio natural, e que son unha alternativa para aquelas persoas que no Nadal queren facer as súas compras de acordo ós criterios de un consumo consciente e responsable.
Xunto con Amarante, participará neste mercado o grupo de consumo de Pontevedra "A Gradicela" e produtores do Sindicato Labrego Galego.
Será este sábado 21 de decembro, de 11:30 a 14:00 horas na praza de Ourense, ao lado da Praza da Ferrería.