Amarante e o Sindicato Labrego retoman os mercados transparentes
Por Redacción
A ONGD Amarante Setem e o Sindicato Labrego Galego retoman a súa actividade na organización de mercados transparentes en Pontevedra para achegar a cidadanía outro xeito de producir e consumir máis respectuoso co medio ambiente e coa saúde das persoas nunhas datas tan marcadas polo consumismo navideño.
Con esta finalidade, este xoves 11 de decembro organizan unha mesa redonda sobre experiencias de mercados locais noutras comarcas galegas ás 19.30 horas na Casa das Campás e o propio mercado transparente o sábado 13 na praza da Ferrería.
Segundo informaron os organizadores, está confirmada a participación de 10 postos de distintas organizacións onde se poderán adquirir produtos de horta dos labregos da comarca, produtos de comercio xusto e organizacións sociais como Boa Vida e A Gradicela.
Asemade haberá paneis informativos sobre o prezo dos produtos en orixe e a marxe coa que quedan as grandes distribuidoras, a exposición 'Non t consumas' e un espazo que recordará ás vítimas da traxedia de Bangladés coincidindo cos actos ó redor do Día internacional dos Dereitos Humanos.
O mercado transparente é unha actividade de sensibilización e información das alternativas de consumo que supoñen a mellor forma para se enfrontar á crise económica, social e ambiental. Nel, os consumidores terán acceso directo a produtos de fresco e envasados elaborados de xeito artesanal por artesáns, tanto de Galicia como dos países empobrecidos baixo criterios de respecto ó medio ambiente, salarios dignos, desenvolvemento colectivo e sostible, igualdade e non explotación infantil.
O obxectivo desta iniciativa é mostrarlle á cidadanía que existe toda unha inmensa variedade de produtos de calidade e a prezos asequibles que respectan os dereitos humanos e o medio natural, e que son unha alternativa para aquelas persoas que no Nadal queren facer as súas compras de acordo ós criterios de un consumo consciente e responsable.
Relacionadas:
-
Mercado en Curros Enríquez para reivindicar un consumo consciente de alimentación e roupa
Por Redacción |
-
A Praza de Ourense acollerá un mercado transparente para promover un consumo responsable
Por Redacción |
-
Amarante propón o troco de produtos como alternativa de consumo
Por Redacción |
-
Para mercado transparente e alternativo, Pontevedra
Por Redacción |