O campus de Pontevedra, primeiro de España que aspira a ter Bandeira Verde
Por Redacción
O campus de Pontevedra converteuse este xoves no primeiro de España que está a traballar para conseguir o recoñecemento de Green Campus ou, o que é o mesmo, para obter unha Bandeira Verde que recoñeza as súas actuacións en materia de xestión e educación ambiental, ao estilo das Bandeiras Azuis que recoñecen a calidade das praias.
A comisión xestora ambiental do proxecto Green Campus no campus pontevedrés (na que están representadas todas as facultades e escolas) mantivo unha xuntanza de trabajo coa ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) e asinou un convenio de colaboración con esta entidade para poñer en marcha o proxecto, que é pioneiro nas institucións académicas españolas.
A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, definiu o proxecto como unha "oportunidade de recoller todo o traballo que estabamos a facer no concernente á sostibilidade e ao medio ambiente".
Segundo explicou a Universidade de Vigo, a ADEAC puxo en marcha esta nova iniciativa partindo da filosofía do proxecto Ecoescolas e co obxectivo de darlle continuidade a este no eido universitario. O seu presidente, José Ramón Sánchez Moro sinalou que se trata de facer os campus "máis verdes, máis participativos e máis sostibles".
O campus someterase a unha avaliación ambiental das súas estruturas e servizos e das actividades que desenvolve e, superada a mesma, procederase á concesión dunha certificación con forma de bandeira de cor verde. A nivel internacional está promovida pola FEE (Foundation for Environmental Education) e en España está coordinado pola ADEAC.
A reunión coa comisión xestora ambiental deste proxecto que se mantivo este xoves tivo como obxectivo "comeza a traballar" e profundar nas necesidades e prioridades en materia ambiental do campus pontevedrés.
Para o desenvolvemento do proxecto, o campus deberá centrarse en mellorar ou reforzar a súa actuación nalgunhas das áreas temáticas fixadas pola ADEAC, como a optimización do consumo de auga ou enerxía, a xestión dos residuos, a contaminación ambiental ou acústica, a mobilidade ou a promoción dunha alimentación saudable.
Antes de fixar as actuacións a desenvolver, o comité ambiental deberá levar a cabo unha 'ecoauditoría' que permita coñecer as necesidades e prioridades medioambientais do campus e, ao mesmo tempo, constatar cales son as boas prácticas xa instauradas.