Un informe xurídico supedita a recepción do Estadio de Pasarón a unha inspección municipal
Por Redacción
O Concello de Pontevedra aínda non recepcionou o Estadio de Pasarón, segundo conclúen os asesores xurídicos municipais.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acaba de recibir o informe solicitado aos técnicos para que aclarasen a situación e efectos que pode producir e as consecuencias xurídicas que tería a recepción polo Concello das obras do campo de fútbol de Pasarón.
Agustín Fernández sostén que o estadio segue en mans da Deputación de Pontevedra e non foi recepcionado polo Concello, tal como afirman a propia institución provincial e os concelleiros do BNG no goberno capitalino, esgrimindo o principio da "recepción tácita" ao transcorrer máis dun ano dende que a Deputación recibiu as obras formalmente e que completou a documentación remitida ao concello.
Para dilucidar esta cuestión Agustín Fernández formulou esta consulta, e agora a asesoría xurídica confírmalle a súa tese "o que non cabe é que polo simple transcurso do tempo se poida predicar que se tivera producido a aceptación por este Concello, implicando simultaneamente un carácter liberatorio para a Deputación dous defectos que, advertidos nun primeiro momento, se puidesen manter como se debeu advertir á entidade requirente".
Igualmente os asesores municipais descartan que se trate de "un acto presunto que polo positivo sentido do silencio obrigase a este Concello".
Nas súas conclusións os xuristas engaden que o Concello debe dispoñer "sen dilación ningunha", que os técnicos municipais "acometan unha inspección do equipamento", unha actividade da que dependerá a posición que deba adoptar o concello respecto á aceptación do estadio.
Relacionadas:
-
Pasarón regresa a mans do Concello, cinco anos despois de concluír as obras
Por Alejandro Espiño |
-
O Pontevedra CF terá que facerse cargo do mantemento de Pasarón desde novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Mosquera acusa a Tino Fernández de "andar enredando" con Pasarón
Por Oskar Viéitez |
-
Agustín Fernández eleva o custo de Pasarón a case 18 millóns e anuncia que acudirá a Fiscalía
Por Diego Espiño |
-
César Mosquera afirma que o Pontevedra CF debe asumir o mantemento de Pasarón
Por Oskar Viéitez |
-
Deputación esixe ao Concello a recepción de Pasarón e deixará de asumir os seus gastos dende o 1 de abril
Por Redacción |