O Pontevedra CF terá que facerse cargo do mantemento de Pasarón desde novembro
Por Alejandro Espiño
A Deputación desenténdese do mantemento do estadio de Pasarón. Así llo comunicou a institución provincial ao Pontevedra CF e ao Concello de Pontevedra. En principio, como o campo non foi recepcionado aínda polo goberno municipal, a partir de novembro será o club que deba asumir estes gastos, vinculados entre outros coa subministración de electricidade, o coidado do céspede ou o custo da súa apertura.
E así será porque, unha vez que o Concello reciba o campo, non asumirá estas facturas. Adiantouno este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Recordou que o convenio co Pontevedra CF deixa a este como o único usuario do estadio, polo que indicou que ante a ausencia dun canon, como se lles cobra aos demais clubs por utilizar instalacións municipais, as cuestións relativas ao seu mantemento "corren a cargo deles".
"Bastante esforzo fixemos ás administración para facer un campo que, a día de hoxe, está moi por enriba da clasificación actual do equipo e das súas necesidades", sinalou o alcalde, que reiterou que o Pontevedra CF é unha sociedade anónima deportiva e "terá que buscarse a vida", independentemente de que opten, ao igual que calquera outro club, a unha serie de axudas destinadas ao deporte base ou á organización de torneos.
Con respecto á situación do campo, Fernández Lores apuntou que no seu día se solicitaron unha serie de modificacións e arranxos ao proxecto "e con iso debería darse por feito". Recoñeceu que o campo non foi recepcionado aínda a falta dunha "cuestión formal", en relación a unha serie de auditorías que espera que resolvan pronto os técnicos municipais.
Relacionadas:
-
Pasarón regresa a mans do Concello, cinco anos despois de concluír as obras
Por Alejandro Espiño |
-
Tino Fernández esixe á Deputación que corrixa as deficiencias de Pasarón antes de entregalo ao Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Mosquera acusa a Tino Fernández de "andar enredando" con Pasarón
Por Oskar Viéitez |
-
Un informe xurídico supedita a recepción do Estadio de Pasarón a unha inspección municipal
Por Redacción |