Protesta contra o "récord histórico" do peche estival de camas hospitalarias
Por Oskar Viéitez
A Plataforma SOS Sanidade Pública levou a cabo unha protesta na Praza da Ferrería de Pontevedra para sensibilizar á cidadanía da repercusión negativa que supón o peche de 1.095 camas o próximo verán.
As siluetas en papel de centos de pacientes sen cama hospitalaria visibilizou esta medida aprobada pola Xunta que supón un "récord histórico" en relación a outros veráns e alertaron do colapso que ocasionará este peche.
Na estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés funcionarán un total de 712 camas, o que representa o 86% do total, unha porcentaxe que se sitúa na media galega.
Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública, un dos seus voceiros, Verísimo Pazos, enmarcou esta política nun "plan de desmantelamento da sanidade pública" e criticou que o peche estival de camas se prolongará cinco meses, de xuño a outubro "nunha época na que a poboación das Rías Baixas se incrementa polo turismo".
Como o Sergas non contrata novo persoal para cubrir vacacións, obrigará o persoal fixo a multiplicar o seu traballo suplindo os compañeiros ausentes sendo trasladados de unidade ou servizo malia ter unha praza fixa determinada, o que afecta á calidade asistencial ademais de vulnerar os seus dereitos laborais.
Verísimo Pazos aludiu ás palabras do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nas que para garantir ao 100% a atención a toda a poboación que o necesite en calquera época do ano citou como "proba irrefutable" a resposta do pasado 24 de xullo tras o accidente de Angrois, cando houbo a maior demanda de urxencias e a pesar de acontecer en período vacacional e de ser "unha avalancha" de persoas que necesitaban ser atendidas o Sergas cumpriu e foi felicitado polos responsables do Sistema Nacional de Saúde.
O voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública en Pontevedra recordou que no accidente ferroviario de Angrois, a atención ás vítimas se cubriu grazas "á profesionalidade dos facultativos que de xeito voluntario acudiron aos seus postos de traballo".
Dende esta Plataforma convocaron unha concentración para este xoves día 22 ás 20:30 horas ante o Hospital Provincial, para protestar contra esta medida adoptada pola administración sanitaria galega.
CONCENTRACIÿN DE SINDICATOS SANITARIOS
Os sindicatos tamén se concentraron ante as portas do Hospital Provincial. Nesta ocasión os representantes sindicais decidiron non se tombar no chan como forma de protesta ante o peche de camas debido á chuvia. O servizo de Seguridade do Hospital impediu que a concentración se realizase no vestíbulo do centro hospitalario. Carmen Revenga do sindicato Omega afirmou que o próximo luns 26 manterán unha reunión en Santiago con todos os sindicatos que forman parte da Plataforma para avaliar a repercusión destas protestas e decidir que actuacións se desenvolven nas próximas semanas.
A representante sindical mostrou a súa satisfacción porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite o recurso presentado por CESM-omega contra as áreas de xestión clínica do Sergas.
Relacionadas:
-
A espera media para unha operación cirúrxica sitúase en 31 días nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Doentes de Marín e Bueu poderán ser asignados a partir de agora ao hospital vigués de Povisa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Protesta de SOS Sanidade no Hospital contra o peche de camas durante o verán
Por Redacción |
-
Convocan unha concentración cidadá contra o peche de camas nos Hospitais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Deitados para protestar contra o peche de 200 camas nos hospitais pontevedreses no verán
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés pecharán o 14% de camas en verán
Por Redacción |