CC.OO. critica a Xestión Clínica no Sergas que afectará os servizos de farmacia e dixestivo nos hospitais de Pontevedra
Por Redacción
"Non contan cos profesionais", así explica Rafael Vázquez, membro de acción sindical do CHOP, a situación que se presenta ante a aplicación do decreto de Xestión Clínica para o SERGAS que aprobou a Xunta.
Segundo explicou nunha rolda de prensa en CC.OO., a semana pasada o xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Manuel González, mantivo unha reunión con máis de douscentos traballadores dos hospitais que mostraron o seu rexeitamento a este sistema de Xestión Clínica que, segundo expón Rafael Vázquez, supón un redeseñar organizativo que terá como consecuencia a reclasificación do persoal e procesos de mobilidade persoal. Sinalan que o organigrama se realizará a dedo para xustificar as diferentes porcentaxes dos incentivos e que se fomenta a xestión privada.
Segundo expuxo Rafael Vázquez, o Goberno central e a Xunta están a asumir o sistema inglés "que está comprobado que fracasou".Os representantes sindicais indicaron que antes de saír o decreto da Xunta, a empresa xa falaba de empregar este sistema nos servizos de farmacia e dixestivo que, segundo Vázquez, "son os últimos xefes de servizo que entraron pola man do actual xerente despois de fulminar os antecesores que lle eran críticos". O representante dos traballadores engadiu outros servizos que poderían integrarse neste sistema, estase a falar de rehabilitación e psiquiatría".
Dende CC.OO. entenden que o sistema fomenta a creación de microempresas sanitarias que leva consigo a competencia interna e que rematarán por afectar ao usuario xa que se establecen incentivos "para que se reduzan os gastos".
COMUNICADO DO SERGAS
Mediante un comunicado de prensa os responsables da Área de xestión integrada de Pontevedra-O Salnés insisten en que as unidades de xestión clínica "supoñen un beneficio para os pacientes e unha garantía para os profesionais".
E engaden que son estruturas organizativas multidisciplinares -sen personalidade xurídica propia- que orientan a actividade ao proceso asistencial como elemento fundamental da atención sanitaria, centran a atención no paciente e implican ao profesional sanitario na xestión. Neste mesmo documento informan que a integración do persoal nas Unidades de Xestión Clínica "é totalmente voluntaria, amén de que non suporá ningún cambio nas súas condicións laborais nin retributivas".
E conclúen que a Administración Sanitaria Galega rexeita taxativamente que a creación destas unidades se oriente a ningún tipo de privatización da xestión sanitaria pública.