En Pontevedra non hai medo ao demo
Por Cristina Saiz & Redacción
Din que o demo cheira a xofre, emana moita calor e produce aínda máis temor. Con todo en Pontevedra o seu cheiro é o da pólvora dos pequenos artefactos que fai explotar a súa comitiva, a súa temperatura é como a de calquera mortal e máis que producir temor, é el quen teme pola perda do rabo.
Un ano máis, público infantil e adultos saíron en busca deste demo que, tras anos desterrado, leva algo máis de dúas décadas percorrendo a cidade na véspera de San Bartolomeu
A súa extremidade é o obxecto máis cobizado de quen sae ao seu encontro, fundamentalmente dos máis pequenos, quen compromete ao 'demo' para despistalo e poder arrincarllo. E hai que dicir que sempre o conseguen, mañá e tarde, xa que este tradicional personaxe fai dúas saídas un único día ao ano, a véspera de San Bartolomeu.
Nos arcos do templo de San Bartolomeu saían a esperalo pasado o mediodía un nutrido grupo de persoas que o acompañaron por rúas e prazas da cidade. Estampa que se repetiu durante a viaxe vespertina do diaño e a súa diabólica comitiva.
Esta Festa do Demo completouse cun concerto a cargo da Banda de Música de Salcedo e da foliada do demo, momento de cante e baile tradicional para terminar a xornada.
Relacionadas:
-
Aviso á poboación, o demo e o seu séquito diabólico andarán soltos este venres por Pontevedra
Por Redacción |
-
Río Verbena agarda 9.000 persoas cunha proposta "moi universal" consolidada na súa terceira edición
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pontevedra, ante un "verán que non para" con preto de catrocentas actividades festivas nas súas Festas de Verán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |