Aviso á poboación, o demo e o seu séquito diabólico andarán soltos este venres por Pontevedra
Por Redacción
Tras as festas da Peregrina o verán pontevedrés ten outra convocatoria xa agardada no calendario de agosto, a Festa do Demo, este venres 23. Unha festa tradicional recuperada polo Concello de Pontevedra hai máis de dúas décadas.
O demo e o seu séquito diabólico volven saír polas rúas e prazas da cidade para provocar aos viandantes coas súas inocuas maldades e tamén coa súa diversión. Sábese que a súa primeira saída será desde os arcos de San Bartolomeu ás 12.30 horas e que retomará as súas diabluras pola tarde a partir das 20.00 horas.
A Festa do Demo trae consigo o concerto de San Bartolomeu a cargo da Banda de Música de Salcedo. Será ás 21.00 horas na Praza José Martí. E completando o programa do día ás 21.30 horas será a foliada do demo na Praza de Curros Enríquez a cargo de Os Chichisos e Silvia Redonda.
Esta festa é resultado do interese por recuperar antigas tradicións, prohibidas ou abandonadas no seu momento. Constan documentacións que dan fe da súa celebración a finais dos anos 40 do século pasado e testemuños que falan de persoas como Dominguiños, un pontevedrés, aprendiz de electricista e vendedor de lotería, que durante anos encarnou o personaxe deste demo para provocar o goce e temor dos máis pequenos.