Os obradoiros "Art Lab" achegarán aos nenos á exposición 'A era das fábulas'
Por Redacción
O Museo de Pontevedra comeza esta semana cos obradoiros "Art Lab: Creamos... de Fábula", cos que busca achegar aos máis pequenos da casa á exposición "A era das fábulas", unha colección de cadros que vincula as coleccións de arte da Fundación María José Jove e do Thyssen-Bornemisza Art Contemporary cos fondos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos do Museo de Pontevedra.
En concreto, os talleres terán lugar esta semana, do 5 ao 8 de agosto, e a vindeira, do 12 ao 15, de 11:30 a 13:00 horas, e as 15 prazas por obradoiro están xa esgotadas para as dúas datas.
Coa inspiración da exposición "A era das fábulas", Leucoíña Pasea propón un obradoiro no que os nenos traballan a imaxinación e a fantasía a través de creacións de Picasso, Maruja Mallo, Joan Miró ou Menchu Lamas, entre outros artistas presentes na mostra. Desta maneira, os cativos poderán descubrir as historias e lendas que se agochan detrás das súas obras.
Os talleres do Museo continuarán no mes de agosto coa proposta "Historias e Creación de Mosaicos" que, coas prazas tamén esgotadas, terá lugar do 20 ao 23 de agosto e do 27 ao 30, e propón á rapazada aprender sobre a historia dos mosaicos e crear a súa propia obra partindo do mosaico coa representación de Baco presente na exposición "A era das fábulas".
Relacionadas:
-
Comezan as visitas guiadas á exposición 'A era das fábulas' no Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Museo convida á cidadanía a explorar a súa creatividade sacando á rúa 'A era das fábulas'
Por Oskar Viéitez |
-
Inaugurada 'A era das fábulas' no Museo: “A mellor exposición dos últimos vinte anos”
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
"A era das fábulas", a exposición coa que o Museo quere ser un "faro de cultura"
Por Alejandro Espiño |