As obras de construción da senda entre Mollavao e Os Praceres comezarán en outono
Por Redacción
A UTE formada polas empresas S0S y Oresa será a encargada de executar as obras de construción da nova senda entre Mollavao e Os Praceres pola marxe dereita da estrada PO-546, que une Pontevedra con Marín, a coñecida como estrada vella a Marín.
Farao por 5,73 millóns de euros, que foi a oferta que presentou esta unión temporal de empresas ao proceso de licitación aberto pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Esta actuación posibilitará habilitar un itinerario de 3,5 quilómetros de lonxitude, cun ancho que oscila entre os 2,5 e os 4 metros, que se complementará cun aparcadoiro, un miradoiro e un parque infantil, entre outros equipamentos.
O contrato asinarase nas vindeiras semanas e o obxectivo é iniciar as obras no inicio do outono. Os traballos contan cun prazo de execución de dezaoito meses.
As obras prestarán especial coidado á seguridade e obrigará a reducir a velocidade dos vehículos, grazas á glorieta que se construirá á altura do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.
Esta glorieta facilitará, ademais, o cambio de sentido dos vehículos que proceden de Marín e que queiran acceder ao aparcadoiro disuasorio, tipo carpooling, que se está construíndo apoiándose na traza da propia senda, na contorna do quilómetro 2+800 da PO-546.
Na obra incluirase a mellora tamén das paradas de transporte público, así como na renovación da iluminación do treito e a construción de dúas pasarelas, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas e outra de 45 metros sobre O Sartán.
Esta actuación compleméntase coas obras xa executadas na mesma PO-546 tanto no treito urbano de Marín como en Estribela.