Os buses lanzadeira a Montecelo rompen a unanimidade do pleno municipal
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Coa chegada do verán parece que as tensións habituais no pleno municipal disipáronse. Case todos os asuntos tratados este luns no Teatro Principal foron aprobados por unanimidade. O único punto de certa discordia foi o transporte ao Gran Montecelo.
Os populares presentaron unha iniciativa para que o Concello deseñase un plan para mellorar o transporte público ao novo hospital, estudando a posibilidade de implantar buses lanzadeira gratuítos e creando un grupo de traballo para "adaptar e perfeccionar" este sistema.
Para Rafa Domínguez, haberá un "problema grave" de aparcamento cando abra o novo hospital, ao que chegarán máis profesionais e máis pacientes que agora, e as prazas de estacionamento previstas, segundo sostivo, "no son suficientes".
"Lo que queremos es pedir de forma tranquila y lógica que se tenga en cuenta este problema", subliñou Domínguez, ao entender que se trata dunha "llamada de atención" dunha situación "que ya estamos viendo y que se va a agravar".
O PSOE, aínda que apoiou esta medida, foi moi crítico co PP. Iván Puentes ironizou co "afán gratuíto" dos populares con todas as administracións nas que non gobernan, pero onde teñen competencias "pagamos todo".
Con respecto a Montecelo, Puentes criticou o número de prazas "abusivamente de pago" do novo hospital, 1.172 frontes ás 781 que serán gratis, polo que considera unha "hipocrisía absoluta" pedir que se potencie o transporte público "obviando esta outra parte".
Moito máis duro foi César Mosquera, edil do BNG, que lembrou que o Concello xa pediu "por activa e por pasiva" que se reservase máis espazo para estacionamento, polo que non acepta que "agora nos veña de rebote este problema".
"Non é serio. Non podemos votar a favor", afirmou Mosquera, que defendeu que o transporte público de Pontevedra está deseñado por expertos "e está a funcionar moi ben", polo que rexeitou que "o rebentemos alegremente" poñendo estes buses lanzadeira.
Toda a corporación, pola contra, apoiou a iniciativa presentada polo BNG para instar o Goberno a anular a prórroga da autoestrada AP-9, a transferila a Galicia libre de peaxe e a impulsar un estudo "fiable e serio" sobre o procedemento legal e os custos deste rescate.
Eva Vilaverde asegurou que se trata dunha causa "xusta e necesaria" para que Galicia poida "seguir avanzando na súa competitividade e na non discriminación deste país co resto do Estado", ante a importancia desta vía de comunicación para todo o territorio galego.
Populares e socialistas apoiaron esta medida, aínda que se acusaron mutuamente do "pelotazo" dado polo goberno liderado por José María Aznar coa ampliación da súa concesión e con que o seu rescate "está en mans de Pedro Sánchez e dos seus socios".
A moción do PP para esixir ao goberno municipal que redacte e aprobe o plan de igualdade para os traballadores do Concello tamén recibiu un respaldo unánime, entre as críticas da oposición á falta de diálogo cos portavoces sindicais.
Así, Pepa Pardo criticou a "hipocresía" do goberno ao incumprir a lei "de forma flagrante" e estar máis preocupados, dixo, "de encabezar pancartas que de hacer políticas reales y efectivas"; mentres que a socialista Yoya Blanco sostivo que este plan "é básico" para fomentar a igualdade entre empregados públicos, un ámbito no que "non basta con campañas".
A edil Eva Vilaverde, responsable de persoal, recoñeceu que "necesitamos darlle un impulso" a este asunto, aínda que negou que estea "totalmente parado", senón pendente do "novo impulso e enfoque" que lle quere dar o novo director xeral desta área.
Tamén se aprobaron por unanimidade as dúas mocións presentadas polo PSOE, unha para instar a Educación a que revise de maneira "prioritaria e urxente" o nivel de gas radon nos colexios; e outra para que as festas de Pontevedra sexan máis inclusivas.
Con respecto a esta última, o edil Marcos Rey pediu eliminar as "barreiras invisibles" que padecen certos colectivos para gozar das festas en igualdade, aplicando medidas "sinxelas e fáciles de implementar" que son unha cuestión de "responsabilidade" por parte do Concelllo.
O responsable municipal de Festas, Demetrio Gómez, agradeceu esta moción construtiva que permite "facer unha parada e reflexionar sobre a liña na que estamos traballando", comprometéndose a analizar estas peticións para as festas do próximo ano.
Relacionadas:
-
Os socialistas demandan unhas festas inclusivas
Por Oskar Viéitez |
-
O PP esixe a elaboración do primeiro plan de igualdade do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O risco de gas radón nos centros educativos públicos será levado ao pleno municipal polos socialistas
Por María José Pita |
-
Buses lanzadeira gratuítos, solución proposta polo PP para subir ao novo Hospital Montecelo
Por Redacción |