![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c48/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/668d1994e5-ivan-puentes.jpg)
© PSOE Pontevedra
O risco de gas radón nos centros educativos públicos será levado ao pleno municipal polos socialistas
![María José](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/377/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5ea3331f09-foto-posible-para-linkedin-02.jpg)
Por María José Pita
Pontevedra é a segunda cidade galega máis exposta ao gas radón, segundo os datos recompilados polo Laboratorio Radón de Galicia. Trátase dun gas radioactivo invisible e sen olor que supón un notable risco para a poboación. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), é responsable do 7% dos cancros de pulmón.
Das arredor de 120 medicións efectuadas por este laboratorio dependente da Universidade de Santiago, un 20,54% das vivendas testadas na cidade supera o nivel de referencia, o que sitúa a Pontevedra só por detrás de Ourense (23,15%) e moi por riba de urbes como A Coruña e Lugo, con datos próximos ao 8%.
"Canto máis ao sur da comunidade autónoma, máis presenza de radón, o que se relaciona coa rocha nai granítica que temos nos nosos solos", indica Manuel Fariña, concelleiro do PSdeG-PSOE en Pontevedra, que comparecía na compaña de Iván Puentes, portavoz do grupo municipal socialista.
Os socialistas alertan da grave exposición ao gas radón que pode estar padecendo un sector da poboación especialmente vulnerable: alumnado e traballadores dos centros educativos. Por iso, consideran prioritario que, dende a Xunta, se impulsen actuacións concretas a fin de evitar esta exposición nas aulas.
Con tal motivo, os socialistas veñen de rexistrar, con previsión de que se poidan adoptar medidas antes do inicio do curso 2024-2025, unha proposición na que instan á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a poñer en marcha, de xeito urxente, diversas accións contempladas no Plan Nacional contra o Radón.
Entre elas, o cumprimento do nivel referencia establecido no Real Decreto 1029/2022 (polo que se aproba o Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes) para os recintos pechados dos colexios e institutos, pautado en 300 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico).
Esta proposición en relación á obrigatoriedade de realizar medicións de radón nos centros educativos públicos do concello de Pontevedra por parte da Xunta de Galicia será presentada para o seu debate e votación no pleno municipal deste mes de xullo.
Fariña e Puentes agardan que todos os grupos políticos con representación no pleno ofrezan o seu apoio a esta proposición, "dado que se trata dun problema de saúde xeral e no que cremos que debemos priorizar á nosa poboación moza e infantil, que non pasa menos de seis horas diarias nos centros educativos".
No caso de que a moción sexa aprobada, o acordo será trasladado á Xunta e aos grupos políticos do Parlamento galego.
Relacionadas:
-
Os buses lanzadeira a Montecelo rompen a unanimidade do pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas demandan unhas festas inclusivas
Por Oskar Viéitez |
-
Meaño pranta cara á contaminación por radón
Por Redacción |
-
Piden que se fagan medicións de gas radón no semisoto da Audiencia Provincial
Por Redacción |