A SCD Raxó alega contra o parque eólico do Castrove polo seu "forte impacto no territorio"
Por Redacción
A Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó presentou alegacións fronte ao proxecto do parque eólico do Castrove, nos concellos de Meis, Barro, Pontevedra e Poio, advertindo que as obras para a súa instalación suporían unha actuación con "forte impacto no territorio".
A SCD Raxó tamén pediu persoarse no procedemento administrativo que hai en marcha para este proxecto na Xunta de Galicia. Nestes momentos están sometidos a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico.
A entidade alega que estas obras suporían intervir nunha superficie de 58.818 metros cadrados entre accesos e vías, drenaxe e conducións; cimentacións, rasantes para a localización dos aeroxeradores; subestación de transformación; e zonas de almacenamento.
Tendo en conta o volume da superficie e as zonas onde se sitúan as intervencións, esta entidade considera que o Estudio de Impacto Ambiental presentado pola empresa promotora "non é o suficientemente rigoroso na identificación e valoración de impactos sobre o medio físico, biótico, socioeconómico e sobre o patrimonio cultural".
Ademais, consideran que "tampouco é moi exhaustiva" a análise da vulnerabilidade que supoñen estas obras "ante o risco de accidentes graves e catastróficos" e ante os "probables efectos adversos significativos sobre o medio ambiente".
A asociación rexeita o proxecto eólico, entre outros motivos, por "non garantir a calidade das masas de auga superficiais e subterráneas" e a non afección de acuíferos e captacións de auga para o consumo humano e das explotacións agrícolas e gandeiras.
Tamén cuestionan a ausencia de estudios técnicos xeomorfolóxicos, hidroxeolóxicos e hidrolóxicos rigorosos, necesarios para a identificación, descrición, análise e cuantificación das modificacións esperadas no territorio, como consecuencia da execución das obras.
Relacionadas:
-
Acordo en Barro para rexeitar o paso por Curro da liña de evacuación do parque eólico do Castrove
Por Redacción |
-
O Concello de Poio alega contra a instalación dun parque eólico no Castrove
Por Oskar Viéitez |
-
Unanimidade da corporación de Poio contra o parque eólico no Castrove
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Barro e colectivos veciñais alegan contra o parque eólico previsto no monte Castrove
Por Oskar Viéitez |
-
O PP non se une ao rexeitamento da corporación á "invasión eólica" nos montes de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Concentración na Peregrina fronte á ameaza da "invasión eólica"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Chaman a mobilizarse en Pontevedra contra o actual modelo de enerxía eólica
Por Redacción |
-
A Plataforma pola Defensa do Monte Castrove, na marcha polo Día do Medio Ambiente en Compostela
Por Redacción |