Persoal de cociña do Hospital do Salnés continúa á espera de cobrar tres meses de salario
Por Redacción
Este martes 19 o persoal que traballa nos servizos de cociña e de cafetería do Hospital comarcal do Salnés concentrábase para demandar o pago dos salarios que se lles deben.
A maioría destes traballadores, segundo indica CIG-Salnés, seguen sen cobrar as nóminas de decembro, xaneiro e febreiro.
A anterior empresa concesionaria, segundo a central nacionalista, incorría en incumprimentos en materia laboral. Tras rescindir o contrato do servizo co Sergas as débedas mantéñense pendentes.
Representantes da CIG reclamaron ao Servizo Galego de Saúde a retención da garantía económica e das últimas mensualidades á empresa para que o persoal cobrase.
Con todo, boa parte do grupo de traballadores mantéñense sen cobrar os soldos pendentes "a pesar de que supostamente o Sergas levou a cabo esa retención".
O Sergas convocou un concurso de urxencia para cubrir a concesión. O concurso quedou deserto porque, segundo o sindicato, a oferta económica era insuficiente.
#Ante esta situación, desde a administración autonómica realizouse un contrato de urxencia coa empresa Aramark o 19 de febreiro mentres se elabora un novo prego de condicións para o concurso. Das tres empresas que se presentaron resultou adxudicataria a mesma Aramark, que se encarga do servizo de cafetería e cociña do centro hospitalario.
A pesar de estar resolta a concesión, o Sergas continúa sen pagar as nóminas dos últimos meses ao persoal, segundo CIG-Saúde.
Se non se produce ese pago continuará o calendario de protestas. A próxima está prevista para o venres 22 diante tamén do Hospital do Salnés.