Nace "Move", a plataforma entre negocios que dinamizará o comercio minorista de vinte concellos
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra ven de presentar a plataforma entre negocios "Move". Trátase dunha rede de comercio minorista que permitirá poñer en contacto a comerciantes e produtores locais de 20 concellos participantes, co fin de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local, adaptándoo aos novos hábitos de consumo para favorecer a empregabilidade e permanencia dos veciños no territorio.
"Move" terá unha parte pública na que se poderán ver vídeo-experiencias dos comerciantes de cada concello. E, polo outro, unha interna á que poderán acceder os comerciantes e provedores locais, coa finalidade de fomentar as relacións entre eles.
Esta plataforma tamén está concebida como unha comunidade de aprendizaxe, con varias oportunidades de formación.
Ao longo dos próximos meses, levarase a cabo un inventario de produtores e provedores, así como a captación de participantes, que se realizará fisicamente nas feiras e comercios de cada un dos concellos participantes. O obxectivo é que a plataforma estea en marcha ao longo do mes de xuño.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto ao vicepresidente segundo Rafa Domínguez, foron os encargados de presentar este iniciativa este luns nunha reunión á que estaban citados representantes destes concellos participantes nos proxectos financiados con fondos europeos "Da túa man" (rural I) (Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures) e "Da túa man" (rural II) (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia e Pazos de Borbén).
O presidente provincial agradeceu aos representantes municipais a súa participación nestes proxectos cos que buscan que o comercio de proximidade teña "máis capacidade para inxectar emprego, riqueza e prosperidade no conxunto de Pontevedra", algo que sinalou como "vital tanto para manter poboación no rural como para atraer a visitantes".
Ademais, fixo fincapé na importancia da implicación de todos os concellos, "para conseguir que sexa un éxito e que está novidosa plataforma sirva para darlle vida ao comercio local".
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha estes plans no anterior mandato para reforzar e actuar de modo específico nos municipios de menos de 5.000 habitantes, onde factores como a dispersión xeográfica, a falta de substitución xeracional no pequeno comercio ou a fenda dixital fan necesario realizar unha actuación marco para dar resposta ás necesidades concretas deste sector neses municipios.
Estes plans están enmarcado nas convocatorias de 2022 e 2023 publicadas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e son complementarios a outra iniciativas de apoio ao comercio local emprendida pola Deputación de Pontevedra como é o "Commerce Inside", en zonas turísticas.
Relacionadas:
-
Meis dá a coñecer a programación de actividades previstas con motivo do 8M
Por Redacción |
-
Fabiola García destaca que as dúas 'casas do maior' de Moraña "son auténticos dinamizadores da vida do municipio"
Por Oskar Viéitez |
-
Campo Lameiro presumirá de Capital do Turismo Rural en Fitur
Por Redacción |
-
A cuarta 'Gala de meisinas e meisinos do ano' celébrase o 27 de xaneiro
Por Anxo Lourido |
-
Novos proxectos para aparcar de xeito accesible na contorna comercial de Cuntis e Campo Lameiro
Por Redacción |
-
O vicepresidente Rafa Domínguez presenta aos concellos beneficiarios o proxecto "Da túa man"
Por Redacción |
-
A Deputación porá en marcha unha rede de comercio local en Campo Lameiro, Cuntis e Meis
Por Oskar Viéitez |