Traballo de "sensibilización" no colexio de Ponte Sampaio para ser "máis empáticos" coas persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez
Con motivo da celebración do Día Internacional das persoas con discapacidade, o CEIP Ponte Sampaio ten en marcha varias actividades para todo o alumnado, tanto de Educación Infantil como de Primaria.
Comezaron o xoves, coa creación dunha carteleira inclusiva e o visionando diferentes curtametraxes seguidas dunha reflexión posterior. Estas conclusións foron logo recollidas en cada carteleira colocada no corredor do centro.
Tamén como motivo do proxecto deste curso "As Olimpíadas", preparouse un cartel de linguaxe inclusiva no deporte.
Este venres comezaron uns talleres impartidos por persoas que acudiron ao colexio coa súa cadeira de rodas para contar a súa experiencia. Eles son voluntarios da Confederación de asociacións de persoas con discapacidade física e orgánica (COCEMFE).
Ademais de relatar a súa vivencia persoal fixeron un circuíto utilizando as cadeiras de rodas onde o alumnado de Ponte Sampaio puido comprobar algunhas das situacións nas que se atopan diariamente como o salto dun chanzo, o sorteo de obstáculos ou a recollida de obxectos. Tamén empregaron o bastón que utilizan as persoas con discapacidade visual. Os alumnos puxéronse unhas lentes opacas e utilizando o bastón tentaron chegar ao momento indicado.
Os responsables deste proxecto no CEIP Ponte Sampaio manifestaron que son "unhas xornadas de sensibilización, reflexión e sobre todo tentar que entre todos e todas sexamos máis empáticos e empáticas".
Relacionadas:
-
Os socialistas reclaman a Educación que cubra a pista polideportiva do colexio de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
A Fundación María José Jove levará o seu museo virtual a colexios de Ponte Caldelas e O Grove
Por Oskar Viéitez |
-
Percorrendo 'a cegas' as rúas de Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
'Baixo o mesmo paraugas' no Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O Concello decreta a suspensión inmediata das obras que afectan o colexio de Barcelos
Por Oskar Viéitez |
-
A princesiña que precisa axuda e a guerreira sexy con pouca armadura
Por Oskar Viéitez |
-
"Hai canteira, podemos presumir todas de ser unha cidade feminista e é grazas ao voso traballo"
Por Natalia Puga |