A pesar da información existente segue habendo adultos e menores que non saben que facer ante un acoso na internet. De igual forma hai menores que non denuncian este tipo de situacións para evitar que como castigo quítenlles o móbil. Non son exemplos externos, son situacións que detectaron profesionais en Pontevedra e que se evidenciaron no desenvolvemento do proxecto 'Redes de Innovación para a Inclusión Educativa e Social' e do que falamos en PontevedraViva Radio.
É un proxecto de investigación e Innovación coordinado pola Universidade de Vigo e subvencionado polo Plan Nacional de Investigación. O seu obxectivo é axudar a resolver problemas sociais e educativos. Para iso sérvese de núcleos de investigación; isto é grupos de participantes que representan a colectivos sociais de diversa índole, entidades públicas e administracións.
'Redes' se subdivide en seis áreas de traballo con estas denominacións: 'Contra todo prognóstico' sobre abandono temperán dos estudos; 'Con luz propia' en colaboración coa Once e co obxectivo de sensibilizar e visibilizar a discapacidade visual; 'Infancia e adolescencia, a cara oculta da violencia de xénero' 'En conexión?' sobre sentido de pertenza dos adolescentes; 'Interxeracional: a nosa Pontevedra' que trata de poñer en valor aos maiores con actividades nas que participan adolescentes; e 'Sentidiño na rede' para coñecer hábitos de uso da internet por parte dos menores e as súas familias.
O grupo que nos acompaña nas Conversas na Ferrería pertence a este último: Ángeles Parrilla, coordinadora do proxecto Redes; Esther Martínez, investigadora e profesora da Universidade de Vigo; José Torres, experto en seguridade e privacidade en redes; Patricia González, técnica do Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas; Miguel Roibás, profesor da Xunta e doutorando do proxecto Redes; Rogelio Carballo e Francisco Freire, presidente e vogal da Fanpa e María Fernanda Barbosa, colaboradora de Redes desde a Universidade de Brasil.
Pola súa concepción, dimensión e metodoloxía pódese falar dun proxecto pioneiro en Pontevedra: "buscamos unha sociedade máis inclusiva, máis participativa e con máis equidade. A nivel de investigación o que estamos a aprender e construíndo neste conxunto é sen ningunha dúbida novo", afirma Ángeles Parrilla.
No grupo de 'Sentidiño na rede' levan traballando desde o primeiro trimestre do pasado curso con diferentes propostas de 'traballo de campo' e ao comezo do seguinte - sen descanso neste verán - seguirán avanzando na metodoloxía para extraer as conclusións de toda a información solicitada.