Nas Conversas na Ferrería volvemos interesarnos polo proxecto 'Redes de Innovación para a Inclusión Educativa e Social'. Un traballo de investigación e innovación coordinado pola Universidade de Vigo e subvencionado polo Plan Nacional de Investigación no que están a traballar múltiples colectivos sociais, administracións e entidades públicas. A pretensión é axudar a resolver problemas sociais e educativos.
Unha das áreas de traballo é 'Sentidiño na rede' a través da cal se pretende que os menores usen a rede de forma segura e que os adultos teñan os coñecementos e ferramentas necesarias para axudar a que así sexa. Participan nesta ocasión Manola Raposo, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense; Rogelio Carballo, presidente da Federación de Nais e Pais de Alumnos de Pontevedra; e José Torres, experto en seguridade e privacidade na rede.
Dispoñen xa de enquisas realizadas a familias, cuxos datos se están analizando e iniciaron igulamente a elaboración de podcast dirixidos aos núcleos familiares para informar e conducir en boas prácticas.
Nestas datas toca facer a chamada de atención aos adultos ante a presenza de agasallos tecnolóxicos que haberá durante o Nadal. "Os datos que temos dinnos que os mozos cren que son expertos na internet" pero esta máxima a priori entra en conflito con outras respostas que tamén quedaron reflectidas nas citadas enquisas.
Evidénciase que falta coñecemento sobre a identidade e a pegada dixital que deixa calquera que navega na rede, que, quen e como poden usala; como exercer un control sobre a actividade dos menores nainternet, que tipo de ameazas percíbense sobre a presenza e uso da internet e das redes sociais; ou cando denunciar, en definitiva falta formación "tecnolóxica e de comportamento". Un debate no que tampouco quedan fóra o ensino regrado, sinálase neste programa de PontevedraViva Radio.