![Andrés Núñez Rajoy](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/aa1/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DE1AC_/_Il61oA_/6441659426-foto_anr.jpg)
Andrés Núñez Rajoy
Problemas de togas e puñetas
Escoito, leo e vexo como anda revolto o mar da xustiza. Cada vez lémbrome máis de Claudio Movilla Álvarez. Souben moito del a través dos seus fillos, e amigos, Uca e Lalo, Coñecíao de cando eu vivín na Coruña, foi maxistrado alí, onde a mediados dos anos 80 ditou a primeira sentenza da democracia en galego, foi un dos fundadores do Ateneo da Coruña e colaboraba con artigos en La Voz de Galicia. Logo foi de presidente da Audiencia Territorial de Sevilla e posteriormente presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria. Máis tarde foi maxistrado da Sala Terceira do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo. Parece que non pasou o tempo, que seguen a repetirse cousas parecidas na xudicatura. Militara, durante o franquismo en Justicia Democrática. Entrou na carreira xudicial como fiscal á finais dos anos 50. Foi expedientado nos anos 60 por unha publicacións nun xornal en defensa das liberdades. Como o querían trasladar abandonou a carreira e exerceu de avogado. Accedeu a xudicatura por oposición. Era un bo home, e mellor persoa. De gran cultura, moi lúcido, con conviccións moi fortes e que nunca rexeitaba, á risco de que o criticaran, unha opinión crítica. Vivía a xudicatura. Foi fundador de Jueces para la Democracia (JpD). Defendía que "en democracia pódense criticar todos os poderes do Estado, desde o Rey ata o funcionario de menos rango" e que a crítica é algo que se debía fomentar, que outra cousa era a inxuria ou os ataques ás persoas, para os que habería que poñer mecanismos que arranxaran estes problemas.
Cando chegou a Sevilla a súa preocupación eran problemas sociais e de liberdades, para el eran importantes. Tanto se metía ca "cativa" que era a reforma agraria defendendo aos "jornaleros", coma aos condenados por abortos realizados na clínica de Los Naranjos no inicio dos anos 80 dicindo que era reprochable. Logo fixera moito ruído cando dixo (xa non me lembro se fora escrita ou nunha entrevista): "la Justicia y el Ministerio de Justicia son un cachondeo", que fora unha frase que dixera Pedro Pacheco, alcalde de Jerez de la Frontera, nun contencioso que tiña con Bertín Osborne xa que a Audiencia de Sevilla parou unha orde de derribo dunha parte dun chalé, que se ía producir aos poucos días, por un recurso que puxera o cantante. Isto valeulle para que uns vocais do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), membros Asociación Profesional de la Magistratura (APM), provocaran un pleno para reprobalo. Non o conseguiron, mais para as asociacións xudiciais conservadoras quedoulle o marca de ser o xuíz máis esquerdista de JpD. Cando se refería a isto sempre dicía que cando falaba de liberdades "el estaba á esquerda do PSOE". Isto veuse reflectido cando no CGPJ se discutía o seu nomeamento como presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria, posto que non dou acadado ata a novena votación. A vinganza dos conservadores, dicía el. Sempre dicía que os xuíces teñen que actuar conforme á lei e non por intereses políticos.
Gustaríame poder falar con el para saber a súa opinión da situación da xustiza hoxe. En que quedaron todas aqueles relatorios que preparaba sobre a reforma da xustiza e que logo explicaba en conferencias e seminarios. Falaba, non estou seguro do nome, pasou moito tempo, dos xuíces de barrio. Dicíanlle, algúns amigos, que a Audiencia Nacional debería de eliminarse, que era un resto do "Tribunal del Orden Público (TOP)" franquista. Non tiña moi clara a súa desaparición pero si a reforma de competencias coma no caso do terrorismo e outras que deberían pasar a xulgados ordinarios. O que tiña claro era que na xudicatura tiña que facerse unha reforma ampla. Sempre me lembrarei dunha frase: "sabedes cal foi a primeira visita institucional que fixo Felipe González como presidente?". Foi á División Acorazada Brunete —dixo— tiña que facerlle saber aos militares quen mandaba e que ía haber reformas, alí Felipe dixo a frase de "Quiero que sepan que, en el día de hoy, cuando empieza la andadura del nuevo Gobierno", reformaron o exército, a función pública, mesmo o país e, niso se quedou, pero nunca se reformou a xudicatura.
Estamos a vir tempos revoltos na xudicatura. O que está pasando co Fiscal Xeral do Estado non é de recibo. Nótase que hai unha caza dos xuíces conservadores contra el, alomenos nas sentencias e feitos dos tribunais. O Supremo anula o nomeamento de Dolores Delgado, como fiscal de Memoria democrática por "indicios" de incompatibilidade por ser parella do ex-xuíz Baltasar Garzón que preside unha fundación que se dedica aos dereitos humanos. Home, moi de xustiza non é ditar unha resolución sobre "indicios". Tamén sofre a persecución no tema do caso do mozo de Ayuso. É incrible que se mire para a fiscalía e non para quen espallou o bulo. Como se parece ao que lle pasou a Claudio Movilla. Tiña razón Aznar cando dixo aquilo de "el que pueda hacer que haga". Pois parece que si fan e no caso do Fiscal Xeral parece claro. Sorprende tamén a actuación do xuíz que tanto mareou a Pablo Iglesias, Irene Montero, JC Monedero e outros coas súas declaracións. Un xuíz que recoñeceu que mentira ás autoridades francesas cando era xuíz de enlace na época do goberno de Aznar. Nas declaracións (políticas?) que fixo mesturaba "lawfare" con prevaricación sabendo, que calquera das dúas cousas é moi difícil demostrar. Mais non son o mesmo o "lawfare" é usar o sistema xudicial para interferir na política que prevaricación xudicial é ditar unha resolución, arbitraria, sabendo da súa inxustiza. Isto definiuno moi ben Silvia Intxaurrondo (La hora de la 1-RTVE) coa frase: "Igual hay jueces que piensan que no están prevaricando porque hay un objetivo mayor".
Sexa como for vemos que temos un grave problema na xudicatura, que urxe unha reforma urxente, sobre todo polo noso ben, no que os casos poden chegara ser eternos con este sistema. Moitas destas cousas non pasarían si as instrucións as fixeran os fiscais e non os xuíces (xuíz e parte?). Modificar o xeito de nomeamento usando o de mérito e capacidade como norma e non como se fai agora que é por amizade ou orixe (xuíces fillos de xuíces). Porén o problema máis importante, ao meu ver, é o pecado orixinal da xudicatura é o xeito de acceder a xuíz ou fiscal. Aquí en onde se ve que os ascensor social non funciona. Para preparar unha oposición á xudicatura hai que ter unha base económica importante (entre 30.000 e 35.00€) xa que están estudiando durante 4 ou 5 anos ao ser un proceso memorístico. Igual era mellor un sistema tipo MIR, non son quen para poder dicir cal é mellor pero hai que adecualo á toda a xente, teña o peto que teña. Aínda así e todo hai unha inmensa maioría de xuíces que compren diariamente co seu traballo, sexan do pensamento que sexan. Aquí lembro unhas palabras que lle escoitara ao fiscal, maxistrado e profesor coruñés José Antonio Martín Pallín, que dicía que a palabra "conservador" ten matices, que el traballara con xuíces conservadores, que tiñan fonda formación e que podía debater con eles, que a el o que lle preocupaba era o xuíz autoritario e reaccionario, mais tamén dicía que viña de EEUU unha nova corrente de xuíz que era o "xuíz activista político" que fan accións contra o goberno de xeito claro, tamén "fiscais activistas políticos" engadiría eu. Urxe esa reforma xudicial, nas mans do Parlamento está.
Ah¡ Parece que en breves vai haber renovación do Consejo General do Poder Judicial, vós que pensades? Ou vai ser coma sempre que alguén virá e o escaralle?. Seguro que Feijóo quere por mor de quedar ben en Europa mais Ayuso, amiga de Milei, xa lle cortará as gañas.