Andrés Núñez Rajoy
Clases populares: complicada relación coa esquerda
É esta unha denominación moderna. Na miña mocidade non se empregaba este termo. Era normal escoitar, desde a esquerda, falar da clase obreira ou da clase traballadora. A esquerda víase como defensora dos desfavorecidos e marxinados da sociedade. A finais do século XIX a esquerda baseábase na loita da clase obreira contra a explotación industrial capitalista . Despois da II Guerra Mundial (IIGM) veu a Guerra Fría. Comeza a nacer a "clase media". A loita obreira levou a que tiveran bos salarios. Aspiraban a poder mercar unha vivenda (barrios obreiros nas grandes cidades), a mercar un coche (o SEAT 600, o escaravello en Alemaña ou o FIAT en Italia) e a poder ter vacacións pagadas. Xunto co desfrute de servizos públicos que antes só desfrutaban os ricos como a sanidade ou o ocio. Comezaba a cumprirse o que os clásicos da esquerda como Marx, Engels ou Lenin lle chamaban o aburguesamento da clase obreira, ou como di o meu amigo Daniel, da Coruña, a burguesía do proletariado. Estes temores xa os tiña Engels cando nunha carta que lle escribiu a Marx o 7 de outubro de 1958 dicía: "O proletariado inglés está a aburguesarse, de feito, cada día máis; así que esta nación, a máis burguesa de todas, aspira aparentemente a chegar a ter á beira da burguesía, unha aristocracia burguesa e un proletariado burgués. Naturalmente, por parte dunha nación que explota ao mundo enteiro, isto é, ata certo punto, lóxico".
Comeza a haber traballadores de moitos tipos, moitos ben pagados, e claro hai eleccións parlamentares. Os partidos de esquerda en Europa (aquí vivíamos nunha ditadura) teñen que mirar que tipo de mensaxe dar para conseguir os votos. Ou manter o purismo ou darlle a volta á cousa. Seguiron polo camiño do medio, nin unha cousa nin outra. Por unha banda mantiñan toques obreiristas tradicionais e pola outra mandaban mensaxes á nova clase media. En poucos anos conseguiron desprazar á mensaxe aos sectores que máis medraban e máis votos aportaban, á clase media. Aínda que nunca deixaron de desaparecer os traballadores non cualificados (antes clase obreira) a mensaxe foi deixando de mandárselle. A partir de finais dos anos 80, como consecuencia das crisis consecutivas que ía habendo, e coas receitas do Banco Mundial (BM) ou do Fondo Monetario Internacional (FMI) de apertarse o cinto medraban as desigualdade. Si despois da IIGM a desigualdade baixara moito, agora como di o profesor Thomas Piketty, no libro "Le Capital au XXIe siècle", "a desigualdade non deixa de aumentar nun mundo cada vez máis inxusto". Deberíamos lembrarnos, cando se fala de impostos, tan de moda agora, que nos anos 50 o "tipo impositivo marxinal" era nos USA do 90%, e agora anda arredor do 40%. Os ricos souberon levar aos partidos de esquerda a onde eles querían, perderon medo, e polo que se ve así van seguir, ata non pagar impostos, vendéndonos o favor de que é polo noso ben e o libre mercado (Ayuso e Milei).
Na clase media tamén había unha subdivisión: clase media-alta e clase media baixa. Nesa clase media alta estaba o alto funcionariado da administración estatal e/ou autonómica, a xudicatura, o exército e a igrexa. Na media-baixa o resto, e algúns que non o eran e pensaban que si como veremos máis adiante. A partir do anos 90 comeza a globalización dura e a cousa cambia. Aparecen China e India no terreo, que xunto con outros países asiáticos poñen no mundo do traballo case 1.200 millóns de persoas con baixos salarios. Inícianse procesos de deslocalización. Empresas que se van e, outras que pagan salarios moi baixos sobre todo as que xeran pouco valor engadido. Empeza a rolda dos ricos cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres. O globalización aumenta a desigualdade. A clase obreira de toda a vida pasa de occidente á Asia, ou o que o mesmo: a globalización deslocalizou a clase obreira. Estes cambios en occidente acaban polarizando á clase media, a alta segue a manter o seu status e baixa cada vez é máis baixa. Hai estudos que din que tendo unha boa cualificación podes acceder a mellores postos, será certo noutros lados, en España non, e en Galicia menos. O que temos que mirar é a estrutura produtiva. Aquí baséase todo cara o turismo (cutre) mais non hai un tecido industrial que absorba a xeración mellor preparada da historia. Temos unha sobrecualificación que provoca ou emigración da xuventude preparada ou subemprego noutro sector e con baixos salarios. E a ver si os nosos gobernantes aprenden dunha vez que o tipo de turismo que temos non é proba riqueza na xente, o caso máis claro son as Illas Canarias, son que máis turismo ten de España e a Renda per cápita e a terceira pola cola do Estado. Esteban Hernández xunto a participación de a Luís Muíño, Victor Sampedro e Santiago Alba Rico no libro "El fin de la clase media" describe como esta tiña fe no futuro, confiaba en que si cumprían co que lle tocara o porvir sería bo, os fillos vivirían mellor que eles e as súas opcións de vivir ampliaranse: "la descripción de la realidad cotidiana y del análisis de las teorías que la describen, la fascinante historia de la creación y el final de la clase media, el estrato social al que perteneció el siglo XX, y que se ha convertido en un problema para el siglo XXI por su deseo de estabilidad y su resistencia al cambio". Esteban Hernández tamén subliña que en España, e nos países occidentais, hai un paradoxo, no que as clases medias son as dominantes como categoría política, aínda que unha boa parte da poboación teña recursos de clase traballadora, ou os seus traballos sexan desa categoría, seguen autopercebéndose como clase media. A maioría da xente di de si mesma que é clase media, aínda que vivan amplos procesos de desigualdade vemos que a clase media-alta e a clase media-baixa estanse separando cada vez máis. A perda de nivel de vida e de oportunidades de futuro é maioritaria. Hernández defíneo moi ben na frase: "La mayor parte de las clases medias están descubriendo que eran pobres en excedencia, o clases trabajadoras en excedencia"
Esta clase media-baixa está sendo captada pola dereita, ou o que é peor pola extrema dereita, a miúdo eran abstencionistas e agora están no centro dunha empresa de reconquista política e ideolóxica. Son un obxectivo político, non hai mais que ver en Francia os "gilet jaune" (chalecos amarelos) e as subidas de Le Pen. O mesmo pasa en Italia con Meloni, e aquí con Vox. O que ocorre aquí, ou en toda Europa, tenme un pouco asustado porque estou vendo que a clase media que mantén os Estado de Benestar parece que chega a súa fin, e si iso pasa así perdemos (perdo) as ilusións de todos os que pensábamos que éramos clase media.
Que ten que facer a esquerda para atraer á clase media?
Non teño a variña máxica para sabelo, mais da observancia da realidade que me rodea, vexo que o discurso, o relato, a narrativa, o argumentario da esquerda non se adaptou e eses cambios que se estaban dando. Vivimos nun mundo onde o "dixital" manda. Os recursos da esquerda son moito menores, moitos dos grupos de extrema dereita están financiadas polos que máis teñen para perpetuarse camiño dos impostos "cero" e do mercado libre. O outro día nas Cortes, Gabriel Rufían pedía que a esquerda fixera autocrítica no seu discurso, que é percibida por moita poboación como distante ou elitista. Dicía que mentres a esquerda se preocupa de temas non urxentes como os grados de temperatura do ar acondicionado, a dereita fala de tomar unhas cañas nunha terraza. Preguntábase: quen está en contra de tomar unhas cañas?. Por aí van os tiros, por falar das cousas de comer, de encher a neveira e en que casa vivir.
Estamos vivindo onde hai unha des-regularización por anacos. Hai guerra fría, alomenos comercial, entre a China e os EEUU. Iso debilita aos que estamos no medio, é dicir a Europa. Alemaña vive nunha contradición permanente, pensa que con gas ruso máis barato impulsa a súa industria e pode comerciar con China, mais a xeopolítica non é a mesma. Vemos que en Europa hai países que comezan a mirar para si. Coidado que pode haber moitas feridas. Non se pode seguir operando do mesmo xeito. Se as cousas van peor estámoslle facendo trampas á xente. Deste xeito non vai funcionar, só faría máis forte á China e aos EEUU. Non queda outra que volver á vida de verdade aquela na que sexa máis importante a economía produtiva que a financeira, é a hora de facer e non de especular. Vemos como os grupos financeiros e non só os bancos (mirade o IBEX ou Wall Street) reparten dividendos seguido, cada vez máis, parece unha carreira. Conseguiron convencernos que si lles vai mal temos que axudalos e pagar nós o pufo, socializan as perdas e privatizan as ganancias. Hai que meter xa o freo de man, aínda que se derrape un pouco. Co que levamos falado a marxe de manobra é pequeno. De aquí vai (ou ten que) saír un proxecto que marque o camiño por onde ir, mais ten un risco que é quen o vai facer, e polo de agora (aínda que sexa con mentiras ou "fakes", con prensa "amiga" e/ou creadora de "noticias falsas", con "lawfare") a dereita está máis metida.
A esquerda ten que traballar nun proxecto dirixido a unha morea de sectores sociais, que teñen moitos intereses diversos. Si consegue atraelos, as "elites" sentirían presión para volver á vida de verdade e non dicir que todo o que se fai polas clases populares estraga a economía, como no caso do salario social ou na suba de salarios. Isto só se pode facer de dous xeitos creando opinión e lexislando (sen medo), e falando entre os distintos grupos. Aburre moito o esquerdismo fragmentado cos seus toques tipo de "eu isto non votamos porque lle falta unha coma" ou a chulería de "nós falamos no nome da xente", en nome da xente falan todos, os dun lado e os outros de outro. Hai que que entenderse e falar, falar e falar, e que a xente saiba que se buscan solucións sobre as cousas do comer e do vivir, logo tomar medidas. Así teremos futuro como clase media ou como clases populares. O contrario é fume.