Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra
A Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra denuncia a situación protagonizada por Iván Puentes nas Murgas
O pasado día 24 de febreiro de 2023, o Concelleiro de Medio Ambiente Natural, voceiro do grupo municipal socialista e candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións, acudiu á final do certame de Murgas disfrazado cun uniforme oficial de Policía Local de Pontevedra. Tamén publicou nas redes sociais imaxes no interior do pazo da cultura na que ía armado cunha porra, supoñemos que de atrezzo.
Cómpre sinalar que no amentado acto estaban presentes, entre outras autoridades, a Sr. Eva Vilaverde, Concelleira de seguridade cidadá, e o Sr. Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde do Concello de Pontevedra, responsables en última instancia de seguridade cidadá.
En primeiro lugar cómpre ter en conta que o Sr. Puentes é concelleiro de goberno nunha Corporación que está a ser especialmente hostil co seu persoal, en xeral, e coa Policía Local en particular polo que a elección do disfraz co que se exhibiu no escenario dun auditorio cheo de xente parécenos de pésimo gusto.
Por outra banda debemos manifestar a nosa preocupación polo descoñecemento da normativa básica da que moitas autoridades fan gala, cómpre ter en conta que o artigo 36 da Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá que tipifica como infraccións graves portar, exhibir ou usar armas de modo neglixente así como o uso público e indebido de uniformes oficiais.
O Sr. Puentes obrou neglixentemente ao danzar ante o público do auditorio portando un uniforme regulamentario, e malia que resulte obvio que a súa intención non foi facerse pasar por un axente da autoridade, o que constituiría un ilícito penal, os feitos poderían ser considerados como unha infracción administrativa.
Entre o público se atopaban a Sra. Eva Vilaverde, Concelleira de seguridade cídadá, e o Sr. Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde do Concello, que presenciaron os feitos sen reparar que estaban a presenciar unha conduta ilícita. Parece que a corporación municipal só se preocupa de facer cumprir a lei cando o presunto infractor é un empregado ou empregada municipal.
Descoñecemos como obtivo o Sr. Puentes acceso ao uniforme que empregou pero o feito de que o distintivo do brazo estivese tapado con cinta para evitar a identificación do seu propietario indica que o mesmo foille prestado por un axente que, como profesional, debeu advertirlle que o uso que pretendía facer das prendas era ilegal.
Asemade, supón unha falta de consideración expoñer a este axente a un expediente disciplinario por unha finalidade tan frívola como a de ir disfrazado a un acto, e máis tendo en conta que pola súa condición de candidato á Alcaldía a súa imaxe transcendería aos medios de comunicación.
Estamos en tempo de precampaña para as municipais de maio, e dende a Xunta de Persoal xa temos asumido que os problemas das traballadoras e traballadores municipais non teñen oco nas axendas dos partidos que conforman o goberno. Pero non ímos consentir a ningún candidato actitudes irrespectuosas cos nosos traballos, os nosos cometidos, nin cos nosos uniformes.