Paloma Castro
Que foi do Plan Social de Ence?
A estas alturas da película ninguén dubida da irregularidade da prórroga da concesión da biofábrica de Ence Pontevedra outorgada polo Goberno en funcións de M. Rajoy; nin de que esta foi unha argucia do Partido Popular de Feijóo e Rueda para sortear un problema de legalidade que o tempo e a Xustiza veñen de constatar.
Máis responsable desde o punto de vista político, pero por enriba de todo máis beneficioso para os e as traballadoras e a cidadanía, tería sido acadar un gran acordo forestal que garantise a súa permanencia en Galicia noutra ubicación. Pero nada máis lonxe da realidade, o PP preferiu enganar e alimentar baixo o paraugas da ilegalidade falsas expectativas nunha noxenta fuxida cara a adiante e cun abrazo do oso a unha empresa lanzada a seducir á sociedade civil anunciando unha auténtica choiva de millóns. Un flamante compromiso publicitado a bombo e prato cun programa de investimentos cifrado en 47 millóns de euros a investir a través do Plan Social para Pontevedra que se artellaría nun ritmo inversor a razón de 3 millóns de euros ao ano durante os 60 de concesión.
A pregunta que cómpre facer é que foi deste famoso plan? Neste caso é o tempo o que se ten encargado de responder: quedou nun farol, nun engano máis emanado dunha empresa sen ética e carente do máis mínimo compromiso coa cidade de Pontevedra e a contorna da Ría. Arestora ninguén dubida de que o único interese co anuncio era anubrar e embobar conciencias e vontades do tecido social. Non en van, o fracasado Plan Social quedou reducido a tres convocatorias, 2017, 2018 e 2019, anos nos que mesmo se solaparon os tempos, prazos, presentación de solicitudes e resolución das mesmas, todo co obxectivo de aforrar uns cartos que nunca estiveron a disposición da finalidade anunciada.
Ao mesmo tempo, a empresa protagonizou unha agresiva campaña mediática de lavado de cara e, por que non dicilo, lavado de cerebros, sen ter endexamais o máis mínimo propósito real de apoiar a entidades sociais e actuando exclusivamente en resposta dos seus escuros intereses e beneficio.
O Plan Social de Ence foi unha fraude, unha chantaxe á sociedade e á cidadanía, desenvolvida nunha sucesión de feitos que poñen de manifesto os esforzos da empresa por lavar a súa imaxe, manipulando para elo e instigando aos mesmos traballadores contra os representantes lexítimos da poboación e coa complicidade e acompañamento en toda esta historia dun Partido Popular que, sen escrúpulos tampouco, na busca de réditos electorais, agochou o lobo que é tras aquela aperta e tralas siglas da empresa.
A estas alturas, o Plan Social de Ence cheira a podrecido. É como o timo da estampiña. E o tecido social formado por asociacións veciñais, colectivos culturais, sociais, clubs deportivos, emprendedores ou asociacións socio sanitarias, observan como a empresa Ence lles furtou 9 millóns de euros nestes tres anos transcorridos sen convocatorias, evidenciando a trampa e a estafa urdida ás poboacións de Pontevedra, Marín e Poio, ao amparo dunha falsa e farisaica responsabilidade social corporativa.
A empresa continúa baixo o paraugas do PP, actuando sempre baixo a ameaza e a coacción, practicando aquilo de "polo interese, quérote Andrés". Se me dan, quedo; se quedo, invisto; se me vou, que vos dean… Sen a máis mínima consideración cara aos traballadoras/es da empresa ou ás súas familias, nin cara a eses colectivos que se beneficiaron do Plan, que proxectaron e planificaron futuras actividades e aos que Ence deu tamén as costas.