Tribuna Viva
Inexistencia de uniformidade de criterio no procedemento a seguir por parte dos rastrexadores
Dende Somos Sanxenxo denunciamos a inexistencia de uniformidade de criterio no procedemento a seguir por parte dos rastrexadores ante a confirmación dun caso positivo de Covid nunha aula de calquera dos centros de educación do noso concello. Polo que solicitamos á Consellería de Sanidade as medidas correspondentes cara subsanar esta problemática, que fai que nin o profesorado, nin os pais e nais nin os propios alumnos se sintan tranquilos.
O procedemento e protocolo de actuación ante a confirmación dun caso positivo de Covid nos distintos centros de educación do concello de Sanxenxo non se están a resolver da mesma forma ainda que se traten de expedientes iguais e do mesmo centro.
Tras observar e facer seguimento de varios casos dos que tivemos constancia, e que incluso a algunhas das persoas integrantes da agrupación Somos Sanxenxo nos tocou vivir, podemos constatar que: tanto co alumnado que é considerado contacto estreito como cos positivos, o procedemento a seguir varía en función do criterio da persoa que lles fale por teléfono (da CSC ou rastreador/a) e, como consecuencia disto existe alumnado dun mesmo centro ou clase que se incorporan despois dunha segunda proba PCR, outros aos que non se lles realiza a segunda PCR, e outros incluso aos que nin sequera se lles realiza ningunha, sendo contactos estreitos.
O último caso do que tivemos constancia foi nunha clase do IES Vilalonga, de 28 alumnos, cun positivo en Covid, polo que puxeron en cuarentena a 10 alumnos máis o positivo, dado que eran contactos estreitos. Sen embargo, a ningún destes contactos estreitos se lles realizará o correspondente PCR a non ser que aparezcan síntomas, polo que se existe algún asintomático portador de Covid, ao cabo dos dez días poderá desconfinarse, coincidindo coas festas do Nadal. Non sería conveniente, dadas as datas nas que estamos que, para tranquilidade da propia familia, se lles realizaran as probas?
A falta de criterio uniforme xera, no ámbito familiar, nerviosismo por non saberen se lles van facer PCR ou non, volverán replantearse se cear todos xuntos ou non nestas datas, incluso os convivintes, o máis seguro é que rematen por costearse do seu peto (se teñen os medios necesarios) unha proba PCR, a cal debera ser realizada polo SERGAS para que non se lles escape ningún caso; pois é a única forma de rastrear eficientemente.
En Sanxenxo levamos máis de mes e medio cunha alta incidencia de casos e de contaxios, e non todo é responsabilidade individual da xente; os protocolos e os medios están para usalos coa finalidade de detectar e confinar e non se está facendo. Algo falla no "sistema Feijóo" e o noso alcalde cala e otorga sen rechistar.
Mary Camiña
Voceira de Somos Sanxenxo