![Tribuna Viva](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DE1AC_/_Il61oA_/507fb1371c940-ferreriatratada00.jpg)
Tribuna Viva
As crianzas de Terra de Montes cada vez máis desatendidas
Como é coñecido, a veciñanza de Cerdedo temos que acudir para os servizos de Pediatría ao Centro de Saúde de Forcarei que, tal e como xa temos denunciado en diversas ocasións, funciona dun xeito precario.
Por se non fose suficiente coa non cobertura de vacacións e baixas, nos últimos meses reducíronse os días de atención e, agora, atopámonos coa novidade de que durante o mes de maio non vai haber pediatra, e tampouco sabemos que acontecerá durante o mes de xuño.
A situación é insostible, só nos queda acudir martes e xoves ao Centro de Saúde de Tenorio, unicamente dous días á semana para todos os nenos e nenas da zona.
Ademais, as urxencias tamén poden non ser atendidas, derivándoas ao Hospital Provincial de Pontevedra.
Esta inseguridade no servizo levou, desde hai anos, a que moitas familias acudan a pediatras privados para non pór en perigo os seus fillos e fillas.
Para rematar, temos que dicir que aínda non coñecemos como quedará a atención pediátrica na nosa zona despois do publicitado nomeamento de varios pediatras na Área Sanitaria de Pontevedra.
Por toda esta situación, temos que esixir aos gobernos municipais de Cerdedo-Cotobade e Forcarei que sexan activos á hora de buscar unha solución a este grave problema ante o Sergas.
Pola nosa parte seguiremos a mobilizarnos como veciñas e veciños, e nos vindeiros días faremos entrega das queixas dirixidas ao Sergas por parte das familias de Cerdedo, e tamén de Forcarei, diante desta catastrófica situación.
Cerdedo pola Sanidade Pública