Mar Seaxá
Oompa Loompas
De cando en vez saen os Oompa lompas a pasear, porque son os que máis e mellor poden opinar de todo o que sexa. Van todos a unha, con movementos e argumentos semellantes. Unha coreografía non estudada porque non fai falla, sáelles de xeito natural.
No tema do aborto, Oompa Loompas saen correndo, cantando que é un asasinato e que a nai non é a que debe decidir sobre o seu embarazo. Eles si, son os máis autorizados para facelo, porque só eles teñen a verdade. Non sei se o que cren é que non temos memoria e non nos lembramos das viaxes a Londres, non para ver o Big Ben, senón para abortar de xeito selectivo e pola porta de atrás. O que non gusta é o aborto ou que está ao alcance de todas as mulleres que o soliciten? Non sería máis doado non solicitar o pin parental e que as adolescentes teñan unha educación sexual para non ter que pasar polo mal momento do aborto?
Estes seres pequeniños tampouco queren saber nada das minorías de calquera clase. Non se levan ben co colectivo LGTBI, nen cos inmigrantes, nen con ninguén que se saia do que eles consideran normal. Quérense meter no nacemento e tamén na morte de todas nós, e o que estea no medio diso non lles importa nada. Podemos vivir baixo unha ponte logo dun desafiuzamento, ou non chegar a fin de mes traballando da mañá á noite, pero os Oompa Loompas non o ven porque eles non o viven.
Eu podo entender que cada quen teña a súa opinión sobre como quere que sexa a súa morte, é o normal, pero que xa queira decidir sobre a dos demáis paréceme de tolos. Non temos que permitir que por culpa duns descerebrados ocorran eutanasias encobertas, sen asistencia médica e de xeito inimaxinábel, logo dunha vida con dores que xa non se quere seguir vivindo. Lembro a Ramón Sampedro e todas e todos os que tiveron que beber dun vaso para morrer porque non lles quixeron dar unha morte digna.
Os Oompa Loompas son os gardiáns da moralidade, non só da súa, que sería o seu, senón que o son tamén de todas e todos, sen que ninguén lles atribuíra esa tarefa. Teñen tanta que lles sobra e reparten, pero eso demostra un desprezo polos demáis, son xente autoritaria e nostálxica doutros tempos.