Mar Seaxá
Noxo
Dende hai uns meses teño Netflix. A verdade é que me resistín bastante a telo, porque o cine ou as series me aburren, si, non o podo remediar. Sei que son un pouco rara, pero é o que hai. Son unha persoa curiosa e me gusta adiantarme ao que pasa e, polo xeral, é o que sucede co que vexo. Semella un déjà vu permanente e non me chama a atención ver películas, adoita sucederme que no cine me durmo case sempre, para vergoña da miña familia acompañante.
Pero decidín que ía ver series e películas en versión orixinal para ver se así aprobo na EOI. Non vexo pelis ou series moi sesudas, procuro evitalas e nunca vería, por exemplo, Xogo de tronos. Non estou para perder o tempo con historias interminables dun universo paralelo, son moi práctica tamén.
Vendo unha peli, que o único que tiña de culto era Catherine Deneuve, ía todo ben, previsible, amable e dura, pero enternecedora polo que se íntuía do final. Un neno orfo pola guerra que entra nunha institución onde viven e estudan. O neno orfo atopou un amiguiño da súa idade, uns seis ou sete anos, que lle axudaba a falar francés, xa que era dun país árabe e non coñecía outra lingua. Tamén lle axudaba a ler e escribir. Nunha destas, o profesor chamou ao amigo e víase coma o neno pequecho subía as escaleiras, e cando chegaba á aula, o encadre mudou e só se vían as pernas do rapaz, que se atoparon coas pernas do profesor. Nun instante, vese coma o profesor deixa caer os pantalóns ao chan. Brutal a escea e o que representa. Non o vin chegar coma de cotío e pareceume que un coitelo se me cravara na barriga.
É doloroso saber coma esas cosas non son ficción, senón unha dura realidade. Nenas e nenos expostos aos que tiñan que ser os seus guardiáns contra os perigros, o espello onde mirarse, os seus profesores e mesmo a súa familia onde en teoría non existen os abusos. Non hai nada tan desprezable coma saber que xente abusa de nenas e nenos, seres desprezables que amparados pola autoridade moral que dan os anos ou o estatus que deberían representar. Que abusan tamén protexidos por lazos familiares, pola familia, mirade ben o que iso significa nunha nena ou neno. Sentirse unha merda polo resto das súas vidas porque un asqueroso non sabe controlar os seus instintos e faillo pagar a unha filla, unha neta, sobriña. Ou a un fillo, neto, sobriño. Eiquí si que non hai diferencia entre xéneros. Os abusadores son homes e mulleres e os abusados son nenas ou nenos.
Terrible situación que de cando en vez sábese públicamente. Porque os abusadores buscan a forma de que o neno ou nena cale. Por medo, por vergoña ou por non ser creídos. Ninguén pode imaxinar que un neno é violado unha e outra vez por un tío, ou obrigadas a prostituírse nenas dun centro de menores onde tiñan que estar protexidas de todo mal.
Noxo.