Beatriz Suárez-Vence Castro
O cabicheiro
Saben eses pequenos sinais que a vida nos manda e non facemos caso deles, ignorantes de que están aí para aprendermos algo? Pode ser alguén a quen non víamos dende hai anos e de súpeto atopamos na rúa ou algo que pisamos e queda pegado ó zapato coma un adorno non desexado. Cousas aparentemente intranscendentes.
O meu caso empezou unha tarde, voltando da Praia de Pragueira cunha amiga, haberá xa dous veráns.
Era un deses anuncios luminosos que se ven nas estradas para lembrarche os mortos que quedan cada día polo mesmo traxecto e que les cunha anguria espantosa pensando que igual o condutor imprudente non lle vai facer caso pero ti tes o sono perdido para esa noite coma pouco. Aínda que non conduzas.
O devandito anuncio contiña a prohibición de tirar cabichas á estrada e a correspondente sanción.
Eu, como lectora compulsiva e namorada da escritura teño un problema: fíxome en todo o que ten letras, tanto pode ser o letreiro de purre e empuxe dunha porta, coma un cartel tipo fanse arranxos de punto pegado a una farola, ou a pintada na parede de fulano é un mentirán.
Dirán vostedes que iso non é un problema pero asegúrolles que o é porque acabo hiperestimulada. Sobre todo pola moda das camisetas con lenda e as tatuaxes. Segundo na parte do corpo no que se atopen un e outro acabo mirando fixo durante o tempo necesario para ler, e as veces acabo metida onde non quero estar.
O caso das cabichas atrapoume como a luz a unha avelaiña.
Sendo estudante eterna de linguas non estou familiarizada con algunhas palabras e levoume o meu decatarme de que a cabicha ven sendo iso que queda cando se fuma un cigarro e, non sabendo o fumador que raio facer con ela, acaba guindándoa mesmo pola ventá do coche.
Danme moita xenreira as cabichas e son o tipo de persoa que cando alguén guinda alguna no chan aínda acendida, vou pisala por se prende. Son muy caganichas para o fogo e por iso admiro tanto, tantísimo ós bombeiros.
A vida quiso que tivera que facer un cambio de residencia e miren coma é o conto que teño as portas da miña casa cheas de cabichas. O motivo non o sei ben. Supoño que será o vento que as mete de cheo no portal pero estou a pensar en mercar un cabicheiro e poñelo preto da entrada para que espichen nel as cabichas en lugar de facilitarlles tanto a entrada que rematen onde empeza a miña escaleira. Vou terlle que poñer unha cadea porque xa me roubaron dúas bicis e agora deixo todo atado e ben atado.
Eu escoitara de pequeña aquilo de "casa con duas portas mala é de gardar" pero non me dixeran nada das cabichas. Teño instalada unha alarma para non levar sustos pero non hai no mercado detectores de cabichas.
O malo destes sinais que a vida pon no camiño é que uns levan a outros e acabas tirando dun fío interminable para chegar a tremenda conclusión de que temos un problema de hixiene importante nas cidades, o que quere dicir no planeta. Ademáis da cruzada contra o plástico habería que emprender unha contra o lixo e que cada un se faga cargo do seu
O da cabicha foi para mín como a punta do iceberg e segue a sorprenderme a humanidade nun campo no que pensaba que estabamos máis avanzados. Se eu saio á rúa con bolsas para recoller o que fan os meus cans, non sería bo que houbese unha normativa para que cadaquén recollera as suás cabichas? Polo sinal parece que so é obriga nas estradas pero as beirarrúas, os patios, os xardíns e os portais dos veciños son territorio comanche.
Ando despistadísima porque pensaba que algunhas prácticas xa estaban obsoletas pero antonte atopei un cartel no meu xardín, que tamén o vento depositou seguramente onde non tocaba, que pon o seguinte: "Se ruega no orinar en el callejón: Huele mucho". Isto lévame a pensar que aínda que eu non deixo mexar os meus cans nos escaparates e portais e por riba se algún deles se despista boto auga por enriba, de nada serve porque parece ser que é unha práctica humana máis habitual do que parece.
Agora que veñen novas eleccións e todo o mundo anda a voltas coas súas reivindicacións, a miña sería a da hixiene en xeral como práctica saudable a retomar para a convivencia e a salvación do planeta porque se reducimos a emisión de gases pero despois mexamos no portal, que me perdoe Greta Thunberg pero non imos cumprir cos nosos obxectivos.
Ata o dagora fun coma unha china no zapato pedindo carril bici, zonas verdes e espazos para os cans en Pontevedra pero a idade e os roubos das bicis fixéronme menos ambiciosa e agora só quero o permiso para ter un cabicheiro con cadea por fóra da porta.
Se ademais poñen máis contenedores e papeleiras prometo non pedir máis cousas ó Concello ata o Nadal. Vaime custar, pero o prometido é débeda.
Tampouco teño tanto mérito porque xa dixo Abel Caballero que o vinte e dous de novembro estarán postas as luces en Vigo. Chega todo enseguidiña.