Beatriz Suárez-Vence Castro
Entre o T.O.C. e o TikTok
O pasado sábado representouse no Centro Social Os Campos de Mourente a obra Tiqtoqueiras, creada pola Aula Municipal de Teatro de Pontevedra.
O espazo no que se desenvolve a trama de Tiqtoqueiras ten os límites difusos. Pode ser unha rúa, un hospital, como suxiren as batas azuis, ou os cuartos das nosas casas. Porque elas somos nós, e eses límites que non vemos son os da realidade actual.
A nai de Escarola está alporizada porque a sua filla ten que ir disfrazada de peixeira á escola. Un feito semellante atenta contra os principios veganos que ela leva inculcando a sua filla dende que lle puxera o nome. As peixeiras teñen as mans manchadas de sangue. De sangue de peixe e ela enfróntase a todo o personal do centro, malia que non disfrazarse coma os demáis leve á nena a illarse do resto dos seus compañeiros.
Unha das profes de Escarola vive por e para a súa gata, a pesar dun picor insistente no seu brazo ao que non presta a máis mínima atención. Para que a súa “filla gatiña” teña unha irmá , decide mercar unha Roomba, que alén de limpar o pó, acaba facéndose co control da casa, se é que algunha vez tivo un.
Happy tamén ten un problema coa filla. O caso é que deu en teimar na importancia que teñen as cores na ideoloxía, porque á nena volvéronlle a cabeza do revés e só lle gustan os froitos vermellos. Happy, loira natural, pensara tinguir o pelo de vermello pero, como nai, non pode dar tan mal exemplo tendo en conta a deriva cara ao universo vermello da filla. A pequena vai para troskista e isto provócalle a Happy (xa non tan happy) unha forte crise persoal.
Non lle queda outra que cambiar a nena ás garderías da Galiña Azul que teñen unha cor moito "máis decente", como de dereitas... E o pelo? O pelo xa verá que fai con el.
Nese momento da función, esta espectadora, que está nalgures entre azul e vermello, empezou a chorar coa risa, cousa que non facía dende hai moito tempo. Happy/ Bego quérote.
O problema de Chari Charito é ben distinto: idolatrada e odiada a partes iguais, ten a sua maior “hater” nunha antiga compañeira de escola, que a ten por parva perdida.
Chari Charito vai sempre a fume de carozo, posteando fotos das súas viaxes ao redor do mundo, especialmente as de Punta Cana, porque son instagrameables nivel pro, pero a verdade é que está ata o moño da sua profesión de influencer, que a ten desquiciada, a piques de anular a súa conta con miles de followers e marchar ao Courel, que é un sitio do mundo no que nunca estivo. Alí, probablemente, acabará por atoparse coa sua compañeira sabichona, que tanto a odia e montarán entre as dúas un hoteliño rural .
Isto último só pasa na imaxinación desta espectadora, moi dada a elucubrar, pero na vida real, a que elas representan, malia o que nos pese, nunca se sabe onde acabaremos e con quen.
A estas tolas da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra diríxeas Anxo Lourido, ainda que a agrupación, despois de tantos anos, funciona xa coma unha mancomunidade e nútrese das ideas de todos coas achegas do equipo técnico, con Ledi e Maite e as achegas de Pilar Boullosa. Ainda así é Anxo, tan feito ao oficio, quen pon orden no “KAOS” e failles atopar o camiño polo que queren ir e levar con eles os espectadores.
Así, ímonos poñendo morriñentos coa música que protestaba polo estado do mundo, tola por incordiar, coma Rosendo, ou solidaria coma We are the world , a través dun adicto co nome non casual de Fuxan os Ventos.
Outra adicta encárgase de recordar que a calidade da música da que fala o compañeiro, vén sendo cuspidiña a das "perreas" actuáis. Onde estará o inxenio daqueles letristas que foron quen de burlar aos censores da Ditadura?
Temos tamén outra adicta ao TikTok e a outra substancia sorprendente, que está contentísima de selo, porque non ve onde está o problema, se pode facer o que quere e o que realmente a fai feliz. Os equivocados son todos os demáis.
Algúen sentíuse reflectido ata o dagora por algún destes especímenes tan humanos? Pois espere, que as Tiqtoqueiras dá para moito máis.
"Con cebola" perdeu toda a súa capacidade de decisión, e non sabe se a tortilla de patacas queda mellor con ela ou sen ela, porque os seus followers están tan divididos que ten que chamar a súa nai para que a axude a decidir sobre ese dilema existencial e seguramente sobre todos os que lle xurdan na vida cada cinco minutos.
A mesma indecisión ten totalmente bloqueada á tiqtoqueira mergullada na crise dos corenta, que principalmente busca unha maneira fácil de financiar os seus soños de agora en diante. Non acaba de saber se son máis os pros ou os contras desta nova actividade en OnlyFans, porque se documenta toda a sua vida e a lanza ao éter cibernético xa non haberá volta atrás e a imaxe é algo demasiado importante como para vendela ao mellor postor. Ou non?
Non vai ser todo malo, nen sequera nas redes, e temos unha tiqtoqueira que promociona libros. Cómpre facelo, porque hai libros coma os de Rosalía de Castro dos que as novas xeracións, e non tan novas, non escoitaron falar e como todo está ben mesturado nas cabezas, pódese promocionar a nosa meirande poeta xunto coa releitura de 50 sombras de Grey porque o saber non ocupa lugar e moito menos nun disco duro.
As ensinanzas do maestro Grey non parecen facerlle falta a outra compañeira adicta. que está a piques de ensinarnos nun titorial cómo facer un lazo, e xa de paso, promocionar o chicle Happydent e falar das telenovelas turcas. A cousa váiselle un pouquiño das mans pensando en Can Yaman, o actor, e entre ese pensamento e o sabor forte do chicle, acaba por facer contido cun orgasmo do tamaño do que finxía Meg Ryan na película Cando Harry atopou a Sally. Os seguidores do titorial quedamos sen saber que facemos coa lazada, pero en todo caso pagou a pena, sobre todo a ela que leva o que leva, e por riba farase viral.
As cousas poden poñerse moi feas coa Intelixencia Artificial coma nos conta a Tiqtoqueira á que un luns calquera a oficina quedou totalmente a escuras. Nin ela nin os seus compañeiros puideron seguir traballando porque se hai un fallo no aparato eléctrico, adeus ríos adeus fontes, e se non funciona a domótica, non sei cando nos veremos (na obra xógase con elementos da poeta referencial galega e coa modernidade motomami da Rosalía contemporánea).
O personal da súa oficina xa é algo así como un híbrido entre humano e robot. As conversacións foron substituidas por pitidos, pero para que os pitidos se oian o sistema ten que volver a funcionar. De momento, silencio e escuridade total. Só teñen a lanterniña dos seus móbiles para alumearse.
Ante este panorama, outra tiqtoqeira aboga polo analfabetismo dixital. O que antes era non saber facer o “O” cun canuto, é agora non prender o móbil ou calqueira outro aparello, e facer o máis subversivo que se pode facer hoxe en día: “voltar ao analóxico”. Retroceder para avanzar. Pechar os ollos para telos ben abertos á vida real que se escapa arredor noso cada vez que miramos unha pantalla.
Como mestra de ceremonias, enriba de todo do escenario, unha doutora/celadora/enfermeira trata de poñer orde no hospital de adictos, pero non está moito mellor ca eles e só consegue berrar coma unha tola e espallar aínda máis o Kaos e o Tiktok.
Tiqtoqueiras é un intelixente exercicio teatral co valor engadido de que os textos foron feitos tanto polo direitor da obra como polas actrices, e conseguen funcionar para cada un deles e máis en conxunto. Todo está mesturado con doses xenerosas de retranca e unha posta en escena tan dinámica que non dá tregua nin aos actores nin aos espectadores.
Entre tanto trastorno obsesivo compulsivo- ou T.O.C.- e mailo TIKTOK, conseguimos engancharnos tamén e seguir o fío que tenden dende o escenario para reflexionar sobre o feito de que estamos nunha etapa importante de transición na que a I.A. vai revolucionar as nosas vidas. Pode facelo para ben, igual que o resto da tecnoloxia, sempre que teñamos claro que é ela a que está ao noso servizo e non ao revés.
Os cientifícos falan de homes e mulleres que, de non opoñer resistencia, voltarán, tras milleiros de anos de evolución, a camiñar encorvados, coa cabeza gacha por mor do teléfono móbil, coas mans en forma de garra de tanto premer a pantalla, cos ollos secos e menos capacidade auditiva polo uso dos cascos co volumen demasiado alto. Alertan da trampa que supón unha sociedade aparentemente máis comunicada que, na realidade, deixa de comunicarse entre individuos para facelo entre máquinas.
A soidade non desexada xa é un mal do presente e seguirá a selo nos anos vindeiros, acortando a esperanza de vida que medrara nos últimos anos. A Tecnoloxia pode facernos a vida máis agradable ou engulirnos coma un buraco negro.
Nas nosas mans, aínda non garras, está elixir ben para continuar progresando ou voltar a escravitude.
De todo isto, dun xeito divertido e aparentemente liviano fala Tiqtoqueiras, esta loucura feita con tanta lucidez pola Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, outro motivo máis de orgullo para esta cidade tan chea de talento desexando ser compartido.
Tiqtoqueiras está interpretada por Isabel Bernárdez Gil, Carmen Díaz Rodiño, Cristina de la Cruz, Montse Pose Edreira, Rosa Martínez Pousada, Fabiana Ríos Lois, Luis Portas, Mari Carmen Buceta Martínez, Cheryl Ybañez Anunciado, Lorena Romero Núñez, Celina, Alexandra Vicente, Begoña Díaz, Vanesa Moreira, Maki de la Cruz e Montse Tilve.
Fotografía de Clementina Formariz López dunha función de Tiqtoqueiras, da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra.