Ramiro Espiño
"No se me contrarrevolusionen, no más"
Alteradillo está o persoal. Foi adiantar PontevedraViva a intención de Jorge Pedrosa de presentar a súa candidatura á presidencia do Pontevedra e armouse o belén. De súpeto a máis dun entráronlle tremores, vaia saber vostede por que, mentres outros empezaban a buscar a forma de "enmorroñar" ao candidato, alegando o seu "pasado" granate máis recente e a súa vinculación coa directiva de Mirón.
Esquecen estes últimos, pode que voluntariamente, que a diferenza deles mesmos, Jorge Pedrosa SI ten un pasado granate, non como outros, intrusos de novo cuño, que para acceder ao cargo necesitaron unha operación de cesión de accións (non moitas, non crean, que tampouco era cuestión de alardes), para cubrir o expediente e aparecer no listado, xa que, cando o club requiriu do seu investimento en accións eles non estaban, pode que nin soubesen onde quedaba Pasarón.
Pero non teman, non vou aquí a facer un panexírico defendendo a candidatura de Jorge Pedrosa, nada máis lonxe da miña intención, aínda que quizais ao bo amigo Rodrigo Cota, que foi quen avanzou a xeito de idea a posibilidade de que fose presidente, lle gustaría. Simplemente pretendo reivindicar o seu dereito a presentarse, como o de calquera outro que, de boa fé, intente sumar, achegar algo, aire fresco para devolver ao Pontevedra ao lugar que lle corresponde e que, sinceramente, nas mans actuais o vexo non só díficil, se non absolutamente imposible.
O que me sorprende é que, se uns teñen tantas ganas de marchar e outros teñen tan poucas de entrar, ou polo menos non acaban de decidirse, por que lles molesta que Pedrosa se presente?, por que ese interese en mandar ouvear a todo trapo ao "can dos Baskerville"?. Tal coma se quixesen escorrentar calquera posible candidato que non sexa da súa corda, coma se a poltrona granate fose algo así como unha ditadura hereditaria, elixida a "dedorcio" por quenes, non o esquezamos, teñen a dubidosa honra de ter conducido ao club á terceira división e non só non son capaces de sacarnos dela, se non que o seu único "mérito", o proceso concursal, e a redución da débeda, ten máis ben pouco que ver coa súa xestión.
Que do deportivo non falo, máis ben parece que non é que non poidan ou saiban (que tampouco) se non que queren, sacar o club do pozo deportivo no que o deixaron caer. Só así enténdese a desconsideración, por chamalo de forma suave, con xogadores e empregados, aos que xa se lles deben catro mensualidades nun momento clave da tempada no que habería que intentar levar tranquilidade e ánimo ao vestiario.
Para os desmemoriados, que os hai, ou simplemente para aqueles aos que o Pontevedra lles soa dende fai ben pouco, permítanme que lles recorde que Pedrosa non só foi home de Mirón na directiva. Se por ese baremo houbese que medilo, e tamén por iso quedase descualificado ou inhabilitado para presentar candidatura, non sería o único que ten esa suposta "eiva" na súa solapa. Pero non esquezamos que Pedrosa é granate dende moi neno. Vénlle de familia. O seu cariño ao Pontevedra está fóra de toda dúbida e a súa valentía tamén.
Porque antes de acompañar a Mirón na súa etapa, tan excelente, non o esquezamos, e xaleada por todos (inclúome) nos seus primeiros sete anos, como nefasta nos tres últimos, Pedrosa xa sabía o que era dar un paso á fronte para evitar que o Pontevedra desaparecese. Certo que estivo con Mirón ata case o final, pero tamén que non era el se non outros os encargados dos números e as "falcatruadas" varias acontecidas na etapa "escura" e tenebrosa dos "executivos agresivos".
Refírome a que Jorge Pedrosa xa estivo no grupo de valentes que, con Gerardo Lorenzo, deron un paso á fronte cando o Pontevedra estaba ao bordo da desaparición, tras a etapa de Ramón Crespo, con máis de 700 millóns de pesetas de entón de débeda e sen as axudas institucionais das que agora dispón. De aí que eu non dubide da súa boa fé. Polo menos, creo, ten todo o dereito a intentalo e ogallá fose non só el, se non máis dun candidato o que optara á cadeira de brazos presidencial, para que a masa accionarial puidese elixir o que considerara máis idóneo.
Se finalmente se presenta será porque ninguén máis o fixo. Ese será o momento de apoialo, apoialo para logo esixirlle. Se se equivoca, se o fai mal, deberá render contas á afección. Mentres, aos que "ladran" intentando amedrentalo, simplemente lles pediría calma cunha frase do xenial Mario Moreno 'Cantinflas' nunha das súas películas: "Non se me contrarrevolusionen, non máis". E que tomen unha tila.
25.03.2013