Carmen Fouces
Resulta máis duro que nunca achegarse ao 25 de novembro
Resulta máis duro que nunca achegarse ao 25 de novembro. Esta comarca vén de sufrir os asasinatos de mulleres e nenas a mans de homes educados na cultura machista, consentidos e desculpados durante anos coas eternas frases mil veces escoitadas como que "parecía unha boa persoa” ou “púxose tolo, non sabe o que fixo”.
Para empezar, queremos pedir desculpas desde aquí ás persoas con trastornos mentais e ás súas familias. Sabemos que os enfermos psiquiátricos son os que menos violencia utilizan e só en casos moi excepcionais acontece algún feito delictuoso. Os homes que matan non están tolos nin tolean transitoriamente; xa é o que nos faltaba para seguir coa tocata de tentar buscar explicacións fóra da cultura machista! Son persoas mentalmente sas que senten agredida a súa masculinidade e, aínda que saben que é un crime matar, atribúense o dereito a saldar as contas pendentes con quen din que lles ataca. É unha cuestión cultural, e xa van alá dez mil anos.
As mortes son a punta de pirámide que nos poñen contra as cordas e sentimos vergoña porque no fondo sabemos que somos parte do problema, pero como ben dicían as veciñas de Conchi, a moza asasinada en Ponte Sampaio, a matanza comeza moito antes, coa ocultación do problema e coa ineficacia das administracións, da Xustiza e dos que teñen a responsabilidade de protexer as vítimas.
Xa hai quen di que os maltratadores físicos son maltratadores pouco eficaces; os bos maltratadores son os que o fan tan ben que non precisan pegar, e moito menos matar, son os que están na base da pirámide e que todos e todas algunha vez desculpamos cando ensinan a patiña por baixo da porta. Non hai diferentes tipos de violencia, hai graos.
O machismo é unha cultura normalizada, non desgasta selo, máis ser feminista si, iso si desgasta. Saír da nosa zona de confort para loitar contra o machismo é unha tarefa difícil, sobre todo cando o solucionamos con lamentar as mortes e acadar consensos politicamente correctos onde as nosas conciencias descansan cómodas. Cando se ameazan os privilexios é cando o feminismo molesta e cando aparece desprestixiado e insultado pola orde establecida, máis só así, con feminismo impertinente, con feminismo incómodo, déronse os avances sociais que hoxe temos. Ningunha conquista foi regalada, a loita foi intensa, e sempre orientada a varrer esa falsa neutralidade na que se agocha o machismo máis ruín. Se hoxe non é habitual que alguén se manifeste abertamente machista, é por obra e graza do feminismo incómodo, da loita impertinente.
En 12 anos mataron a case 800 mulleres e quedaron orfos centos de nenos e nenas, familias esnaquizadas e feridas incurables. Non podemos pasar ás agachadas por este territorio, temos que rexeitar ao machismo disfrazado de todas as maneiras, aprender a velo e denuncialo, que non sexa gratis usar a violencia contra as mulleres sexa no grao que sexa.
Somos conscientes de que a tarefa é difícil, pero se non nos comprometemos as consecuencias serán terribles. Debemos esixir á Xustiza eficaz e rápida para que evite e repare na medida do posible os delitos xa cometidos; precisamos da Xustiza, das administracións públicas, pero sobre todo, do ensino. Esa é a clave, a educación. Canta falta fai que a autoridade educativa o tome en serio! Mentres esperamos, seguiremos loitando.