Carmen Fouces
O patriarcado non entende de fronteiras
A defensa dos dereitos das mulleres é unha loita compartida nos países máis e menos adiantados. Unha loita á que os concellos galegos contribúen cada día na súa contorna máis inmediata, pero que moitos deles tamén apoian nos chamados países do Sur participando no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como é o caso do Concello de Pontevedra.
As preto dun cento de administracións locais e provinciais integradas nesta rede suman aquí os seus esforzos a prol dun mundo máis xusto e equitativo, achegando unha cota mínima para promover actividades de sensibilización social en Galicia e mais proxectos de cooperación internacional. Cabo Verde concentrou nos últimos tempos as intervencións en materia de xénero, con accións para fomentar unha cooperativa de artesás, a elaboración de plans de igualdade ou o fomento de incorporacións femininas nas listas electorais.
Mesmo se chegou a celebrar na cidade de Praia un seminario onde políticas e técnicas das cámaras municipais caboverdianas intercambiaron experiencias cunha delegación de concelleiras galegas. Unha iniciativa que este ano se agarda reeditar en Mozambique coa Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, cuxa presidenta, a alcaldesa María Helena Correia, se atopa precisamente estes días en Galicia para preparar futuras colaboracións. Entre elas áchase a implicación en Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido a persoal de deputacións e concellos galegos, a través do que varias especialistas en igualdade xa botaron unha man en países empobrecidos.
Aínda que en diferentes graos e con distintas formas, as barreiras para a participación das mulleres en política adoitan partir da mesma base: os roles impostos polo patriarcado. Porén, a presenza de mulleres electas e técnicas nos concellos normaliza a presenza feminina en ámbitos tradicionalmente vetados e favorece a incorporación do enfoque de xénero nas políticas locais. Así mesmo, pola súa proximidade á cidadanía, as administracións locais áchanse nunha situación privilexiada para detectar e atender problemáticas como a violencia de xénero, así como para concienciar a veciñanza fronte a estas lacras.
Atendendo ás novas Liñas Estratéxicas 2016-2019, que orientan a cooperación do Fondo Galego cara os países lusófonos, nestes intres desenvólvese un proxecto precisamente en Mozambique para facilitar os coidados sanitarios ás embarazadas, un déficit que lembra ao que podiamos ter aquí hai algunhas décadas. O ano pasado financiouse ademais a mellora do itinerario de atención ás vítimas da violencia familiar e sexual nunha rexión peruana da man de Intered e con Implicadas no Desenvolvemento propiciouse o empoderamento de 1.500 mulleres indias.
Nicaragua, El Salvador, Guatemala ou Bolivia son outros lugares onde se teñen impulsado preto de trinta proxectos, aos que se destinaron máis de 600.000 euros, para promover a igualdade, moitas veces canda ONGD e outras organizacións, como foi o caso da iniciativa para favorecer o acceso ao emprego das mulleres palestinas en Israel ou para erradicar o infanticidio na India. No entanto, o enfoque de xénero incorpórase en todas as actuacións apoiadas polo Fondo Galego pois, atendendo á feminización da pobreza e o desigual reparto das cotas de poder, sen a participación activa das mulleres nunca se acadará un verdadeiro desenvolvemento.
A defensa dos nosos dereitos é unha loita que non cesa e, aínda que se faga máis visible arredor de datas coma o 8 de marzo, cómpre lembrala e reivindicala cada día.
Carmen Fouces
Integrante da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade