Ramiro Espiño
Viva a San Silvestre pontevedresa
Cando na sobremesa do último día do ano o que isto escribe se dirixía cara a Praza de España e Montero Ríos, para presenciar e vivir de preto a San Silvestre, sinceramente ía pensando: "con este día hai que te ganas de ir a ningunha parte, menos aínda de poñerse en calzón curto ou indumentaria deportiva, collerse unha molladura de órgado e todo para correr un anaco polas rúas".
Estaba un día de cans (e que me perdoen os animaliños, máis dignos de cariño que algúns dos que camiñan a dúas patas, que se trata só dunha frase feita). Choiva, frío, vento...Parecía que os "elementos", e me refiro só aos meteorolóxicos, conxuráranse para que aquilo fose un fracaso. Díxenme: "peor imposible", pero equivocábame.
Ao pouco de chegar á carpa na que os atrasados recollían os números empezaron as sorpresas. Alí había moito máis persoal do que cabería pensar, visto o visto, e seguián chegando e apuntándose para tomar a saída.
Foron case tres mil inscritos. Exactamente 2.899 valentes. Os organizadores, a Sociedade Ximnástica, non o crían. E nestas aumentou o temporal. Acordeime do "cincento" de Murphy e as súas famosas leis, xa saben: "se algo vai mal, non te preocupes: pode ir peor".
Pero nin sequera Murphy contaba co espírito inquebrantable dos pontevedreses, co seu amor ao deporte. Cando faltaban só 5 minutos para a saída, caeu a mundial e a resposta foi saltar, cantar e dicir que de aquí non nos moverán" ata que se dea a saída. IMPRESIONANTE.
Foi, asegúroo, un espectáculo único e un orgullo para os que nos gusta o deporte. Bateuse o record de participación o peor día posible. Para que nos decatemos da "barbaridade" que supón o vivido, abonde dicir que unha cidade con apenas 80.000 habitantes, superou outras como Sevilla ou Zaragoza, con máis de 700.000, ou a veciña Vigo, que cos seus 300.000 habitantes só puido congregar mil participantes.
Mostras tiveramos moitas veces, pero o desta San Silvestre supera todo o imaxinable e vén a confirmar, por se alguén o dubidaba, que nesta cidade non se vive, ÁMASE o deporte.
Grazas a todos por un magnífico espectáculo, polo voso entusiasmo. E o ano que vén máis. Por certo, xa podemos afirmar que nas próximas edicións, ninguén dubidará de que a carreira non se suspenderá, así caian chuzos de punta (outra vez).