Modesto Martínez Pillado
Cos cinco sentidos: Oído
OS TAPÿNS
Oio en Pontevedra que queren tapóns, moitos tapóns de plástico, moitísimos tapóns de plástico. Nalgunhas tendas leo unha nota nos recipientes con tapóns "Tapóns para Paula". En Tomiño queren crear o primeiro banco mundial de tapóns. En Tomiño, a solidariedade toma a cor de todos os tapóns. Na fotografía que acompaña á iniciativa, catro persoas cargan catro caixas cheas de tapóns. De todas as cores, catro persoas para catro caixas, para crear un banco mundial de tapóns. Xa teñen máis de 3.100 quilos de tapóns que producirán unha rendibilidade suficiente para o seu próximo destinatario: Álex un neno vigués con parálise cerebral. En concreto os tapóns serán suficientes para comprar unha andadeira adaptada ao pobre Álex. ÿ de agradecer que persoas anónimas, que non coñecen a Álex, nin a Paula (co seu nome nas caixas), nin a Diogo (xa desaparecido da actualidade), se afanen en buscar solucións a través dos tapóns.
Sinxelamente é extraordinario, que para casos extraordinarios, exista tal participación con tapóns, colexios, tendas e os catro carrexadores de catro caixas para o banco mundial de tapóns. ÿ a colección de tapóns a mellor solución para que Álex teña unha andadeira ou Paula unha cadeira nova ou Diogo teña o seu brazo?. As caixas para unha recolección heroica de tapóns equivalen a unha renuncia como sociedade. Unha sociedade que se pregunta por cantos tapóns poderá conseguir substitúe a xustiza pola beneficencia. Disfraza coa solidariedade unha falta de xustiza. Se unha sociedade ante nenos con necesidades, se limita a preguntarse cantos tapóns necesita, mira ao dedo en lugar de á Lúa. Non se trata de solidariedade, senón de xustiza. E a xustiza non son os tapóns. A xustiza é social ou non é.
Se a compaixón é o motor do Banco de Tapóns tomiñés, obriga a preguntarse que raios estamos a facer como persoas. Dar o que sobra, sexan tapóns, a través de catro acarreiradores de tapóns de cores, é un fracaso colectivo, en lugar, de éxito porque Álex xa teña a súa andadeira.
Antes foron o Diogo, un neno portugués, logo Paula, agora Álex. Quen dá a vez?; quen decide que se faga que?. E esta cadea de solidariedade cos tapóns para o excepcional que fai ante unha petición ordinaria (familia sen traballo e sen casa).
Nin unha palabra máis alta para os altruístas pero tampouco unha palabra máis baixa para preguntarnos (flaxelarnos) como sociedade se os tapóns que oio que me piden en Pontevedra, é a mellor solución. Si, cando haxa outros paula, outros álex ou outros diogos, quen dá esa vez, quen organiza a atención.
A beneficencia soa a favor, a dádiva, a compaixón. Os tapóns pode ser unha iniciativa, pero négome a pensar que é o mellor que podemos dar.