Ramiro Espiño
"A casa de Tócame Roque" ou como ir facendo amigos
Tócame Roque non foi o nome de ningún personaxe castizo senón que así se chamaba unha casa de veciñanza, situada na esquina das madrileñas rúas do Barquillo e Belén, nos séculos XVIII e XIX. A vivenda, din que fea e insalubre, foi demolida no ano 1850. Este inmoble castizo estaba en boca de todo o mundo polos mil zipizapes que nel se armaron.
E é que alí se viviu de todo, dende rifas a alborotos, pasando por pendencias, confusións e oposición á autoridade, polo que non é de estrañar que ata zarzuelas e seguidillas recordasen os sucesos, pero pasou á literatura tras ser inmortalizado por don Ramón de la Cruz (1731-1794) no seu sainete "La Petra y la Juana o el buen casero".
Dende entón e ata hoxe utilízase a expresión de "casa de tócame roque" para designar aquela casa "na que vive moita xente e hai mala dirección e a conseguinte desorde", segundo define a mesma Real Academia Española. Imos, máis ou menos o que actualmente pasa no Pontevedra C.F.
E é que de "casas e sainetes" vai a historia, especialmente tras o sucedido coa suspensión/aprazamento do Pontevedra-Villalonga. Unha casa, a granate, cuxo consello de administración, ou responsables, saen a sainete case diario.
A idea de propoñer o aprazamento parte do adestrador. Fala cun representante do Villalonga, pero en lugar de esperar a súa conformidade ou desacordo, traslada ao presidente a conveniencia de solicitar a suspensión, facendo a múltiple función de adestrador, xerente, xestor e ata xardineiro (velando polo bo estado do cesped). O presidente fai seguir a petición á federación, pero salvo eles os dous, ninguén do resto do consello se decata de que vai a cousa.
Segue a historia. A federación non se encomenda nin a Deus nin ao demo e unha señora que se reúne "consigo mesma" por algo é "xuíza única" decide que o domingo choverá, que para meteoróloga ela...e claro, o Villalonga cabrease porque se decata da suspensión sen que ninguén da federación lle consulte...cierto é que non están obrigados, iso din dende A Coruña, pero pouco custaba verdade?, aínda que só fose por cortesía.
E cando as cousas se fan mal, é inevitable que do enfado xurdan as dúbidas. No Villalonga sospeitan que a verdadeira razón do interese granate na suspensión está nas baixas do equipo, ademais do "medo" polas consecuencias que podería carrexar unha nova derrota despois do 5-0 de Ferrol (isto último dígoo eu e pode que o pense máis dun). Pero por riba de todo moléstalles a descortesía de non lles ter consultado ou esperado a súa resposta.
A todo ésto, o sábado deixou de caer auga, e algún debeu dedicar a tarde a pregarias, ou a bailar a danza da choiva, para evitar un ridículo maior. E o ceo debeu escoitalo, porque o domingo de novo choveu a chuzos pola mañá, volvendo inundar Pasarón, aínda que nin iso puido evitar a segunda parte do sainete, cando o vicepresidente granate se dirixe ao Villalonga intentando limar asperezas e pedindo desculpas se algo lles ofendeu.
E esta parte é a que de novo nos sitúa no portal da "casa de tócame roque". Primeiro, porque se pensas que nada fixeches mal, de nada tes que desculparte, xa se sabe "excusatio non petita, accusatio manifiesta", e segundo e máis importante, que dese contacto do vicepresidente granate co Villalonga nada sabía o presidente, do mesmo modo que tampouco o vicepresidente fora informado da solicitude de aprazamento ata que esta estivo cursada. Dito doutro modo, a man dereita non sabe o que fai a esquerda e viceversa.
Entre todo iso a imaxe do Pontevedra unha vez máis prexudicada por actuacións perfectamente evitables e cuxa responsabillidad conviría depurar.
Falaba antes de sainete, pois corrixo, creo que a definición que mellor lle vai a todo o acontecido, quizais por proximidade co inventor do xénero, é a de "Esperpento", xa saben, ese magnífico xénero literario creado por Ramón María del Valle-Inclán e que por extensión define a todo feito grotesco ou desatinado.
Resumindo, que é xerundio: "casa de tócame roque", sainete, esperpento ou o que vostedes queiran chamarlle...o único claro é que día a día, semana a semana, seguimos "facendo amigos" entre os nosos rivais e veciños, e iso non é cuestión de diñeiro, se non de saber facer, ser e estar. Ata cando?.
17.12.2012