Ramiro Espiño
Gústanme as tradicións deportivas
Si, non podo negalo. Chámenme antigo se queren ou nostálxico, pero son deses aos que lle gustan as tradicións, especialmente as deportivas. Gústame que se respecten hábitos e costumes que coñecemos de nenos e que axudan a que nos identifiquemos cos nosos.
Gústame que os equipos vistan as súas cores tradicionais. Que sexan recoñecibles. Que nas bancadas se vexa a cor das súas camisetas de sempre, non unha "colaxe" de cores formada pola mestura de modeliños cambiantes de cada tempada. Á fin e ao cabo non todos os afeccionados poden permitirse o luxo de comprar unha camiseta (ou dúas, ou tres) ao ano para levala posta aos partidos, e aínda que así fose gustaríame que alguén me explicase se de verdade o beneficio real para os clubs, xerado pola diferenza entre vender a camiseta de sempre ou outra distinta, compensa alguén que non sexan os que fabrican e venden as zamarras.
E niso entra tamén o seguinte gústame, o do respecto máximo ás afeccións. Coidando os horarios e os prezos das localidades, que seguen sen estar os tempos para alegrías, diga o que diga Rajoy. Dáme envexa a Liga inglesa. Non sei se algunha vez veremos por aquí que un partido se atrasa para permitir que afeccionados atrapados nun atoamento ou nun atraso ferroviario poidan chegar a tempo. Dáme envexa porque alí se respecta o afeccionado presencial antes que o televisivo e o resultado está claro, as bancadas cheas mesmo en categorías equivalentes a nosa Segunda B ou Terceira. Nós mentres tanto vemos cada xornada máis cemento ou plástico ao descuberto e o fútbol modesto no que son raros os campos que reúnen máis alá de 100 persoas.
Gústame que se xogue (e sigo cos ingleses) nestas datas. Que nenos e pais fagan unha festa do fútbol e vaian xuntos a un partido. Iso é sementar para o futuro. Aquí pechamos o quiosco para que as estrelas mimadas pola fortuna nos obsequien con selfies das súas afortunadas (e inalcanzables para o resto de mortais) vacacións.
E non me gusta a falta de respecto por símbolos históricos, aos que algúns presidentes, levados por un repudiable adanismo (aclaro, non vaia ser que algún o interprete como ofensa: expresión acuñada por Ortega e Gasset, que bautizou como tal a aquel que pensa "eu son o primeiro home e o mundo empeza comigo") entréganse para intentar borrar calquera pegada dos seus predecesores que poida facer sombra ao seu insaciable ego.
Volvo con iso para pechar o círculo, que non é cuestión de seguir enrolándose, ás tradicións. Que se respecten os trofeos que renden homenaxe á memoria de personaxes históricos e que se faga sen maltratalos, cando corresponde, que non todo é mercantilismo. Por citar un exemplo afastado e outro próximo: o Trofeo Bernabeu, que este ano non se xogará por primeira vez dende a súa creación en 1979, homenaxe a quen construíu o mellor club do Século XX, cae porque D. Santiago lle fai sombra ao adanista Florentino. E o noso Luis Otero. Que o devolvan a agosto, onde sempre ou case sempre estivo, como homenaxe ao olímpico pontevedrés e festa de presentación do noso equipo aos seus fieis.
Chegado a este punto, tradición é tamén facer un pequeno balance do ano transcorrido, e a iso vou coa esperanza de que non se cansasen a estas alturas de ler o "ladrillo" precedente con que os obsequio.
Apágase o 2014. Non é que fose un ano para tirar foguetes en Pontevedra, pero si que podemos consideralo como un ano de transición cara á esperanza dun 2015 mellor en todos os sentidos.
Non pretendo facer aquí un percorrido polas diferentes modalidades deportivas, nin facer mención individual a cada un dos nosos clubs e representantes (sería tan longo que me levaría a min un espazo que non teño e a vostedes un tempo que seguramente empregarán mellor noutros mesteres).
Trátase unicamente de deixar unhas apresuradas reflexións, e un desexo firme para o ano que comeza en apenas un suspiro.
Empezando por orde, en función da súa masa social e número de seguidores, co Pontevedra, que un ano máis quedou (esta vez nas portas) coas ganas de saír do abismo da Terceira División.
Imos xa pola cuarta tempada (esperemos que sexa de verdade a última) e quizais algún día saibamos de verdade a quen lle corresponde o "mérito" desta triste andaina, a ver se así, dunha vez por todas, o responsable do desaguisado deixa de tocar a "pandeireta".
Pero como estes que vivimos son días de paz e harmonía (ou iso din, que logo veñen os "cuñados" na maioría das casas a tocar o instrumento correspondente), non farei de "Pepito Grillo" que son vostedes maiorciños para sacar as súas conclusións e a maioría as teñen máis que claras.
Pois na casa granate houbo cambio nas alturas. E un verán movidiño. A chegada de Lupe Murillo produciuse no medio de máis tensións das que algúns pensan. Desas que deixan feridas sen cicatrizar, provocando tantas críticas privadas como silencio público de determinados personaxes claves no devir da SAD, e que deben ratificar nunha Xunta Xeral de accionistas (sen data fixada aínda) unha provisionalidade legal incomprensible.
Do deportivo non fai falta dicir moito máis. A saída de Manu Fernández, provocada por unha situación convulsa e inestable creada dende dentro, deu paso a Luisito. E co técnico de Teo chegou unha tranquilidade que levou ao equipo a ser campión de inverno e mirar o futuro dende o alto.
Pero ollo! Non nos enganemos. Quedar campión non é o obxectivo. O obxectivo non é outro que o ascenso e ese conséguese en xuño, despois dun play-off no que quedar primeiro en liga é ter medio ascenso no peto. Por iso que ninguén saque peito, que estamos na Terceira División de máis baixo nivel deportivo dos últimos tempos, a pesar do cal detrás vén un foguete chamado Deportivo B, ademais do Cerceda, que se me antollan os únicos capaces de disputar o título aos nosos.
Eu non teño ningunha dúbida de que o equipo será campión. Outra cousa é o play-off. Dende agosto o veño dicindo, a este equipo fáltalle algo importante: "oficio e experiencia para pechar os partidos", ademais de calidade no centro do campo. Iso por non falar de poñerlle unha vela á Virxe Peregrina para que a Pablo Carnero non lle pase nada, que hoxe por hoxe é o único xogador capaz de marcar diferenzas.
Parece que niso se está a traballar. Fálase de tres reforzos para cubrir as baixas xa producidas e algunha outra que podería caer en xaneiro. Falta fará acertar e non escoitar os "cantos de serea" de determinados asesores que só din o que aos que mandan (ou quizais debería dicilo en singular?) gústalles escoitar.
Claro que outra batalla mesmo máis importante que a deportiva ten o Pontevedra que gañar neste próximo 2015, moi prontiño, e non é outra que a económica, especialmente a débeda con Facenda, aínda sen solucionar dende a saída do concurso de acredores.
Ese é o primeiro partido a gañar, a ser posible con luz e taquígrafos, para que os accionistas e aboados saibamos dunha vez por todas cal é a situación real da sociedade e as súas posibilidades de futuro.
O segundo "partido" a gañar é conseguir dunha vez por todas a "paz social". Xuntar aos diferentes colectivos de peñas e afeccionados que son a alma do Pontevedra e que seguen divididos ou máis ben distanciados dos actuais xestores do club, sen que se dese un só paso para intentar limar asperezas. Que ninguén esqueza que pode que non sexan os que máis acheguen economicamente á entidade, pero que sen eles, sen os afeccionados, os que están e estiveron sempre, non os que chegan unicamente á calor do resultado ou en busca do convite do "amigo" correspondente en época de bonanza para ir a presumir ao palco, o futuro do Pontevedra sería non só moi triste senón tamén incerto.
E o Teucro? Tras o susto deportivo do final da pasada tempada, o Teucro ben, grazas. Co mesmo presidente, Carlos García Alén, e nova directiva, que vén sendo a mesma pero reforzada con incorporacións que veñen, a cubrir as baixas por desgaste doutros que se foron, pero que seguen preto. Todos eles co denominador común de traballar por amor á entidade, porque aquí non hai lugar para "figuróns".
Camiñando cara a unha salvación económica que parecía pouco menos que imposible non hai moito, e co rumbo deportivo ben dirixido cara a altos voos, impensable tamén hai moi pouco tempo. Da man de nomes e apelidos da casa azul (porque o apelido Domínguez o é e se vai acompañada co binomio Puga xa para que contar), camiña firme e apunta á volta a Asobal. Con cabeza, con criterio. Sen volverse tolos.
ÿ o que ten a crise levada ao mundo do deporte, que permite que con menos diñeiro pero máis sentido común, póidase aspirar ás maiores metas sen poñer en perigo o futuro. O parón ligueiro chegou no momento adecuado para respirar, coller forzas e afrontar o novo ano con toda a ilusión do mundo, a que levou a un grupo de valentes a rebelarse a unha desaparición que parecía inevitable.
Do demais, na súa liña a Gimnástica, seria, coherente, responsable, sen estirar máis o pé do que pode tapar a manta. Tamén levada de homes que senten a veterana sociedade como algo propio, porque o é. A eles corresponde, como cada ano, conseguir que Pontevedra teña unha despedida de ano cunha festa deportiva como a San Silvestre, que xa traspasa esa condición de proba deportiva para converterse en todo un acontecemento social.
Parabéns ao Cisne por culminar con brillantez o ano do seu 50 aniversario, especialmente a Rafael Sánchez "Fis", que o foi todo no club, dende xogador ata presidente, para rematar sendo o encargado de deixar para a posteridade un libro cheo de nostalxia e datos imprescindibles sobre un club familiar como poucos.
E a miña admiración a tantas e tantas persoas que na súa maioría dende o anonimato fan posibles o día a día do noso deporte nas súas diversas modalidades, especialmente cos máis pequenos. Sen axudas apenas, sen esperar recompensa ningunha, enfrontándose a centos de problemas e obstáculos cada día, pero sempre dende a óptica do amor ao deporte e aos que o practican.
A todos, ao deporte pontevedrés, aos seus deportistas, unicamente desexarlles que o 2015 lles permita conseguir todos os seus obxectivos, que proporcionalmente Pontevedra é a capital deportiva de Galicia e imos seguir demostrándoo co esforzo de todos.