Martín Diz: "A nivel persoal estou contento, pero quero ao club e dóeme. O Pontevedra ten que estar máis arriba"
Por Manu Otero
O Pontevedra afronta este domingo a primeira dunha serie de tres finais que marcarán as opcións de permanencia da nave granate. Sumido nunha grave crise de lesións, esta tempada o club tivo que botar man dos seus canteiráns e un dos que deu un paso á fronte, despois de catro tempadas no equipo, foi Martín Diz, que vive en Primeira Federación a súa mellor campaña no referente a minutos disputados e goles anotados.
"Isto non o vivín nunca, nin no fútbol base. Dez xogadores lesionados, como Bustos, Rufo ou Brais, co que supoñen para o equipo, son baixas minguan psicoloxicamente ao grupo", recoñece o canteirán granate. Con todo, é consciente de que todas estas baixas deron unha oportunidade aos xogadores das categorías inferiores para demostrar a súa valía. "Isto dá máis peso á canteira e é bo para nós porque podemos dar un paso adiante", confesa.
Aínda así, recoñece que o principal é club e, a pesar das lesións, no vestiario granate "estamos convencidos de que podemos sacar isto adiante". Nin a mala situación na táboa, nin o estado do céspede, nin as baixas, Martín Diz está convencido de que "temos equipo para gañar a calquera".
Pero agora o importante é sumar de tres en tres, o estilo ou o bo xogo debe quedar, polo momento, supeditado aos resultados. "Agora dá igual xogar mellor ou peor, hai que gañar. Cando subamos máis na clasificación xa nos preocuparemos polo xogo", afirma con madurez.
Tampouco foxe o atacante vilagarcián da presión e é sabedor de que gañar os tres próximos partidos é unha necesidade. "Veñen tres partidos decisivos, igual que cando viñeron os de Badaxoz, Unionistas e Linense, pero agora son máis decisivos porque queda menos", recoñece o dianteiro.
No vestiario non queren marcarse metas de puntos e, aínda que saben que sería fundamental facer un pleno de tres vitorias, prefiren estar centrados no próximo partido para sacalo adiante. "Sabemos que podemos gañar os tres", afirma Martín engadindo que "estamos concienciados de que temos que dar un paso adiante".
E o feito de disputar dous destas tres finais como locais será un estímulo determinante. "Se Pasarón se enche o equipo responde mellor", sostén.
Á marxe das urxencias clasificatorias, sinala Martín Diz que no plano estritamente persoal este é o mellor dos seus catro anos como membro do primeiro equipo granate. E iso que no verán abríronlle a porta, pero o atacante decidiu quedar, demostrar a súa valía e loitar por un oco no primeiro equipo.
"No verán o club díxome que se quería podía saír cedido para gañar minutos. Eu díxenlles que se era para traer a alguén mellor, si. Se non quedo a loitar por un posto", relata. Meu dito, meu feito. O seu traballo diario abriulle as portas da titularidade e agarrouna con forza.
"Debutei na xornada 8 e dous partidos despois fun titular con gol e asistencia. Foi un subidón", lembra Diz o seu tanto para empatar en Pasarón fronte ao Celta B e o seu partido estelar contra o San Fernando para sumar tres puntos vitais para o equipo que adestraba naquel momento Antonio Fernández.
"A nivel persoal estou contento, pero quero ao club e dóeme moito. O Pontevedra ten que estar máis arriba", afirma deixando ao carón os seus intereses persoais. Unha vontade que non cambiará o próximo curso sexa o que sexa o destino do club. "Eu quero quedarme no Pontevedra o próximo ano", asegura.
En Pasarón, está como na casa. Tanto con Antonio Ferández como con Toni Otero no banco, ou se vive na Boa Vila como o ano pasado ou de regreso ao seu Vilagarcía natal, como leste. "A afección anímame sempre que saio ao campo, eu son da casa e por iso tamén me dan máis cancha", agradece este canteirán que se puxo a granate como xuvenil pero xa xa sente un pontevedrés máis.
E aínda que está aínda en idade sub 23 non lle treme a voz á hora de dar a súa opinión sobre os asuntos do club. "Toni Otero uniu ao plantel e non é que con Antonio nos levásemos mal, todo o contrario, sempre estivemos moi unidos e tamén con el", puntualiza. "Pero o cambio de adestrador deu un toque ao plantel e a Toni acollémolo moi ben no grupo porque xa o coñeciamos", matiza.
Para o exentrenador só ten boas palabras e un grato recordo, pero si que se deu conta das diferenzas de ambos os técnicos no trato cos xogadores. "Antonio era máis de darnos mensaxes de ánimo. Toni chegou dicindo que isto non valía e que había que dar máis", conclúe Martín Diz, que espera recoller a luva do seu adestrador a partir deste domingo para conseguir o obxectivo da permanencia.
Relacionadas:
-
O exgranate Martín Diz atopa acomodo no Arosa e Cacharrón asina polo Unionistas
Por Manu Otero |
-
A falta de contundencia condena a un Pontevedra ferido e afundido no abismo do descenso (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Toni Otero, sobre a final contra o Ceuta: "Non se nos pasa pola cabeza perder"
Por Manu Otero |
-
O Ceuta, pechacancelas e equipo máis en forma da liga, é a primeira das tres finais do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Unha entrada gratis para cada socio para encher Pasarón na primeira final pola permanencia
Por Manu Otero |
-
Tres etapas para volver conectar co pelotón da permanencia
Por Manu Otero |
-
Un gol en fóra de xogo volve decidir o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O plantel granate, collido con pinzas
Por Manu Otero |
-
Un enorme Pontevedra gaña á Cultural Leonesa e permítese soñar coa salvación (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Os problemas crecen para o Pontevedra cunha derrota en Balaídos (1-0)
Por Almu Dapena |