A falta de contundencia condena a un Pontevedra ferido e afundido no abismo do descenso (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
A situación xa era complicada, pero co deste domingo aínda máis. O Pontevedra Club de Fútbol pecou a súa falta de efectividade cara a gol e caeu por 1-3 co Ceuta. Con esta derrota, o cadro granate descende á última praza da clasificación e queda practicamente sen marxe de reacción.
Saíu o Pontevedra enchufado e con intención de levar o peso do encontro, pero un roubo de balón en campo granate por parte do Ceuta propiciou a primeira chegada para os visitantes cun centro lateral que caeu en mans de Cacharrón.
Con todo, a ocasión máis clara foi para o Pontevedra aos 7 minutos de xogo. Álex González colgou unha falta afastada dentro da área, Bakero rematou de cabeza, Mejías despexou e o balón caeu en pés de Martín Diz que, de primeiras cedeu ao 19 para que rematase ao interior da rede. O linier viu fóra de xogo e anulou o gol.
Insistían os granates outra vez a balón parado. Borja puxo unha falta lateral no punto de penalti, Seoane cabeceaba, pero o seu remate saíu alto. Tamén o capitán con outro enviou lateral atopou a Bakero, pero o seu disparo de primeiras foise por fóra.
Perdoaba moito o Pontevedra e nun visto e non visto chegou a reacción do Ceuta. Rodri roubou a carteira a Bakero no medio do campo e organizou unha rápida contra que pillou aos defensores granates fora do seu sitio. Abriu cara a Alaín a banda dereita, puxo o balón de novo nos pés de Rodri cun centro medido, pero o seu dobre disparo topouse cun enorme Cacharrón que desbaratou as súas opcións.
Aínda así, seguían sendo os de Toni Otero os que estaban mellor sobre o verde aínda que a falta de contundencia nos remates condenábaos unha e outra vez. Tentábano de forma insistente pola banda de Álex González, que facía o que quería co lateral para sacar centros moi perigosos que se convertían en claras oportunidades, pero faltaba un remtador como Charles dentro do verde. No primeiro deles o seu envío ao segundo pau non atopou a Martín Diz, e no seguinte topouse con Borja Domínguez, que desperdiciou unha clarísima ocasión enviando o balón por encima da portería de Tomás Mejías.
O Pontevedra era dono do balón e asediaba continuamente a área do Ceuta ata que, no minuto 39, Luís Martínez fixo xustiza. Púxoa Borja Domínguez desde o córner e o 22 granate cabeceou ao interior da rede para asinar o merecido 1-0 que poñía en pé á inchada de Pasarón.
Pero a pesar de ser dominador, o Ceuta condenou a falta de intensidade granate á hora de defender. Alberto Reina enviou un balón filtrado entre a zaga pontevedresa, Adri Cuevas plantouse diante de Cacharrón, cedeu a Rodrigo Ríos e este a porta baleira, fixo o 1-1 co que se alcanzou o descanso.
Tras o paso por vestiarios, o Pontevedra saíu decidido a dar a volta á situación pero a falta de contundencia seguía castigándolle, mentres o Ceuta, con dous balóns ás costas da defensa, tiña unha dobre ocasión por medio de Luismi que, para fortuna granate, desbarataba Cacharrón no man a man.
Moveu ficha Toni Otero en busca da reacción e deu entrada a Brais Abelenda, Charles, Bastos e Víctor Casáis, que imprimiron verticalidade ao xogo granate.
Con todo, na seguinte acción ofensiva do Ceuta supuxo o segundo visitante. Víctor Casáis derrubou a Fabrizio Danese dentro da área, o colexiado pitou a pena máxima e Rodrigo Ríos transformouna en gol.
O Pontevedra necesitaba espabilar urxentemente se quería saír da situación complicada do descenso e Alberto Rubio, recentemente ingresado no terreo de xogo, sacaba un tiro medido á escuadra que se ía lambendo o traveseiro. Pouco despois, o colexiado pitaba falta a Mejías na área pequena noutra chegada perigosa iniciada por Brais Abelenda, o máis efectivo do partido.
Aínda quedaba un cuarto de hora por disputarse, pero os nervios e as decisións arbitrais non favorecían en absoluto ao Pontevedra, que seguía sufrindo e sumaba ocasión tras ocasión pero era incapaz de ver porta.
Non o merecían os locais, que insistían unha e outra vez enviando balóns á área ceutí e tiñan nas botas de Charles o gol do empate, pero a chilena do brasileiro foise por encima da portería.
Esta vez si, o tempo esgotábase e con el unha posible esperanza de remontada. Sobre todo cando chegou o terceiro do Ceuta nun desaxuste defensivo do Pontevedra por parte de Rodrigo Ríos, que facía o 1-3 co que deixaba completamente xeado ao estadio de Pasarón.
Métense os granates nun problema importante con esta derrota, que os envía directos á última praza da clasificación e complica a permanencia.
PONTEVEDRA CF (1): Pablo Cacharrón, Churre, Miguel Román, David Soto, Álex González, Martín Diz (Alberto Rubio, min. 70), Jon Bakero (Víctor Casáis, min. 63), Borja Domínguez, Seoane (Brais Abelenda, min. 52), Luís Martínez (Ángel Bastos, min. 52) e Javi Robles (Charles, min. 63).
AD CEUTA (3): Tomás Mejías, Barreda (Lusimi, min. 45), Rasford Selasi (Pablo García, min. 66), Alberto Reina, Rodrigo Ríos (Robin, min. 91), Juan Gutiérrez, Alain García, Adri Cuevas (Rojas, min. 66), Fabrizio Danese, Ñito González (Capa, min. 91) e Alejandro Macías.
Goles: 1-0, Luís Martínez, min. 39. 1-1, Rodrigo Ríos, min. 43. 1-2, Rodrigo Ríos (p.), min. 69. 1-3, Rodrigo Ríos, min. 90.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 do grupo I da Primeira Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 2.500 espectadores.
Relacionadas:
-
O Fuenlabrada reduce a un Pontevedra que xogou máis de 50 minutos en inferioridade (2-1)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra destitúe a Toni Otero
Por Manu Otero |
-
Toni Otero: "Non hai escusas, tiñamos que gañar"
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
Toni Otero, sobre a final contra o Ceuta: "Non se nos pasa pola cabeza perder"
Por Manu Otero |
-
O Ceuta, pechacancelas e equipo máis en forma da liga, é a primeira das tres finais do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Martín Diz: "A nivel persoal estou contento, pero quero ao club e dóeme. O Pontevedra ten que estar máis arriba"
Por Manu Otero |
-
Tres etapas para volver conectar co pelotón da permanencia
Por Manu Otero |
-
Un gol en fóra de xogo volve decidir o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O plantel granate, collido con pinzas
Por Manu Otero |
-
Toni Otero alza a voz polo céspede de Pasarón: "Os encargados de salvar ao equipo somos uns, pero hai xente á que lle custa sumar"
Por Manu Otero |
-
Un enorme Pontevedra gaña á Cultural Leonesa e permítese soñar coa salvación (1-0)
Por Almu Dapena |