Medio centenar de pescadores participarán o día 28 en San Vicente nun campionato de pesca submarina
Por Redacción
O trofeo de Pesca Submarina que organiza cada ano o Club Sotavento de Pontevedra regresa este ano cunha nova edición, a número 24, que se celebrará o 28 de agosto en augas da praia da Barrosa, en San Vicente.
A competición foi presentada este luns no Concello de Pontevedra. Alí, o secretario do club organizador explicou que este ano contan cunha participación próxima ao medio centenar de deportistas, todos eles federados e algúns procedentes de comunidades como Asturias, Cantabria ou Madrid. "É un Open, así que pode vir calquera persoa federada", dixo Héctor Costa para animar á participación.
Como é habitual, a concentración e xornada de pesca terá lugar de mañá no areal do Grove. Pero a pesada das capturas e a entrega de premios realizarase a partir das 16 horas na Praza da Verdura. "Estamos moi agradecidos ao club Sotavento porque non é nada fácil organizar un campionato así", subliñou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, destacando a apertada axenda deportiva que hai na cidade durante os meses de verán.
Finalmente, o presidente da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, Javier Núñez, lembrou o carácter solidario da proba, posto que todas as capturas serán doadas a entidades sen ánimo de lucro.