A I edición da Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio xa ten gañadores
Por Redacción
Poio viviu este domingo una desas citas que non se esquecen, a I edición da Volta a nado Illa de Tambo, que contou cunhas excelentes condicións meteorolóxicas e unha gran afluencia de público na chegada na Praza d Chousa, en Combarro.
Organizada polo Concello de Poio e Atlantic Extreme Sports, o obxectivo é que a proba se converta nunha das citas de natación máis importantes que se disputan en Galicia cada verán, e é que, nesta ocasión, déronse cita máis de 150 nadadores de 12 comunidades autónomas (Galicia, Madrid, Asturias, Andalucía, Castela-León, Baleares, Cataluña, Valencia, Canarias, Castela-A Mancha e Murcia) e mesmo Estados Unidos.
Pero de todos eles só pode haber un gañador e aí estivo o nadador do Club Pabellón Ourense, Marco Vila Cid, que se impuxo no percorrido de 6.000 metros cun tempo de 01:40:36. Completaron o podio masculino o canario Martín Julio Suárez, que foi segundo (01:44:25), e Álvaro Gómez Cardesín, do Club Hércules Termaria da Coruña, terceiro (01:44:31).
En categoría feminina, pola súa banda, a gañadora foi Cristina Vallespí Suñé cun crono de 01:56:59, por diante de Tania Alcalde Balado (01:59:36) e Belén Pombo López (02:02:35).
Na categoría sen neopreno no percorrido de 6.000 metros, os primeiros clasificados foron Óscar Solé Puértolas, Gerardo Collazo e Daniel Nomdedeu, mentres que en mulleres as primeiras en chegar á meta foron Marga Genorvart e Vanesa Rodríguez. Máis dun centenar de nadadores participaron nesta distancia, que deron a volta completa á illa de Tambo, e onde tiveron un punto de avituallamiento voluntario en metade da competición.
Na distancia de 4.500 metros, o gañador foi Javier Iribarnegaray, seguido de David Daporta e Óscar Soneira. En mulleres, o pódium ocupárono Marta Barbeito, Eva Hidalgo e Sandra Xastre, respectivamente. Neste percorrido, os nadadores foron ata a praia de Area da Illa, ao norte de Tambo, onde tiveron que realizar un control de paso obrigatorio, e volveron ao momento de partida.
Na entrega de premios estiveron a concelleira de Deportes do Concello de Poio, Marga Caldas; o Deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, e a directora da organización, Beatriz Alvariño. Tamén concederon distincións especiais ao participante máis novo, Iker Pérez García, e veterano, Félix da Costa, así como ao primeiro nadador censado en Poio, que tamén recaeu en Iker Pérez.
Relacionadas:
-
A Volta a Nado Illa de Tambo pechará o mes de xullo con arredor de 300 nadadores nacionais e estranxeiros
-
Tambo acollerá unha visita institucional das corporacións de Pontevedra, Sanxenxo, Marín, Bueu, Meaño e da Deputación
Por Redacción |
-
Posta de longo para a primeira Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio
Por Redacción |