Posta de longo para a primeira Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio
Por Redacción
A primeira edición da Volta a nado Illa de Tambo-Concello de Poio conta as horas para a súa celebración en Combarro o próximo 21 de agosto.
Mentres ese día non chega a travesía a nado quentou motores este xoves coa súa presentación oficial, e confirmando a presenza de máis dun cento de nadadores para a súa estrea competitiva.
Aínda que as inscricións permanecerán abertas ata o día 16, rexistráronse xa deportistas de 11 comunidades autónomas.
A Volta a nado Illa de Tambo, organizada polo Concello de Poio e Atlantic Extreme Sports, nace segundo sinalaron co reto de converterse nunha das citas estivais de natación máis importantes de Galicia.
"Esperamos que se achegue moita xente para presenciar a proba, que poderá seguirse desde distintos puntos de Combarro", afirmou Beatriz Alvariño, directora da proba.
A travesía contará con dúas distancias, con saída e chegada na Praza da Chousa. Por unha banda, a proba de 6.000 metros, que comezará ás 11:00 horas, dará a volta completa á illa de Tambo, percorrendo o faro de Teno Chico e a praia de Adreirá, e na que se espera unha maior participación de nadadores. E, por outro, o percorrido de 4.500 metros, que sairá ás 11:40 horas, no que os participantes irán ata praia de Area da Illa, no norte de Tambo, onde farán un control de paso e volverán ao mesmo punto de partida.