A guerra en Ucraína deixa no aire a presenza de deportistas rusos nos mundiais de loita de Pontevedra
Por Manu Otero
Pontevedra será sede o próximo mes de outubro dos campionatos do mundo sub 23 de Loitas Olímpicas, así como dos de categoría cadete e júnior de Grappling.
Con todo, a invasión rusa de Ucraína e o veto imposto por moitas federacións aos deportistas rusos suscitan inquietude na Federación Española de Loitas Olímpicas ante unha posible ausencia dos loitadores rusos ou doutros países do leste de Europa, que son unha potencia neste deporte.
"Rusia e Ucraína son dúas potencias tanto na loitas llímpicas como grappling. Os mundiais de Pontevedra están aínda lonxe, esperemos que o conflito se solucione para entón", confía Javier Iglesias, presidente da Federación Española de Loitas Olímpicas.
Con todo, desde o ente federativo seguen moi atentos a evolución da guerra e a decisión dos organismos deportivos internacionais. "Estamos a esperar reaccións por parte das federacións internacionais. Nós iremos da man co COE, o CSD e a Federación Internacional de Loita", explica o dirixente, quen non descarta que nas próximas datas poidan tomar o mesmo camiño que FIFA ou UEFA e veten a presenza de loitadores rusos en campionatos internacionais.
"É unha forma de presionar tamén ao Goberno ruso e pode afectar a Pontevedra, evidentemente", asume Iglesias.
Aínda que é unha posibilidade remota, a ausencia de deportistas rusos nos campionatos mundiais da capital pontevedresa non só afectaría á calidade da competición, tamén supoñería un prexuízo económico para o comercio e a hostalería local.
Os organizadores estiman en preto dun centenar a cantidade de deportistas e acompañantes rusos que aterrarían na provincia para participar nos mundiais. A delegación ucraína non sería tan ampla, pero roldaría tamén a trintena.
No plano estritamente deportivo, recoñece Iglesias que o nivel competitivo resentiríase porque tanto Rusia como Ucraína son dous das principais potencias mundiais tanto en loita como grappling, pero non son as únicas. "Hai máis países que son potencia nestas dúas disciplinas, sería unha pequena baixa", confesa.
De feito, a próxima semana celébrase en Bulgaria o campionato de Europa sub 23 de Loitas Olímpicas e tanto Rusia como Bielorrusia xa comunicaron que non participarán no evento para non poñer en risco a seguridade dos seus deportistas.
Pontevedra albergará entre os días 17 e 23 de outubro do 2022 o Campionato do mundo sub 23 de Loitas Olímpicas e nos tres días anteriores ao comezo desta competición, entre o 14 e o 16 de outubro, está prevista a celebración do mundial cadete e júnior de Grappling.
Relacionadas:
-
O Mundial Absoluto de Grappling poñerá a guinda a un outubro máxico para a loita en Pontevedra
Por Redacción |
-
Confirmado o veto aos loitadores rusos e bielorrusos, que non estarán nos mundiais de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Copa do Mundo de Tríatlon en Pontevedra, sen deportistas rusos nin bielorrusos
Por Diego Espiño |
-
Anuladas pola guerra as xiras de ballet da 'Bela durminte' e 'O lago dos cisnes' en Afundación
Por Oskar Viéitez |
-
A corporación municipal abordará a condena á invasión rusa a Ucraína
Por Redacción |
-
Pontevedra prepárase para un 2022 cheo de deporte internacional
Por Redacción |
-
Constituído o comité organizador do Mundial Sub-23 de loitas olímpicas que se celebrará en 2023 en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A Federación Internacional ratifica por carta a Pontevedra como sede do Mundial Júnior 2024 de loita
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, capital da loita: Acollerá o Mundial de Grappling Cadete-Júnior 2022 e o Mundial Júnior 2024
Por Diego Espiño |