O Arosa salva tres puntos vitais ante un Móstoles que mereceu más (1-2)

Por Almu Dapena
Partido de infarto o disputado este domingo entre Arosa e Móstoles en El Soto. O conxunto adestrado por Jorge Otero fíxose con tres puntos vitais ante un rival peleón que mereceu moito máis do que reflicte o resultado.
As malas noticias para o Móstoles chegaron aos catro minutos de xogo, cando o lateral Paco Torres tívose que retirar por unha lesión no nocello entrando Juancar no seu lugar.
Se non fora suficiente para os locais perder a un das súas xogadores claves e facer unha substitución tan temperá, o colofón ao mal inicio chegou practicamente na seguinte xogada. Julio Rey centrou e o recentemente ingresado Juancar enchufou o balón dentro da súa propia portería, adiantando así a un Arosa ao que se lle poñía moi pronto o partido de fronte.
Co marcador a favor, os arlequinados empezaron a tomarse o seu tempo á hora de elaborar as xogadas. Os defensores movían dun lado a outro e o Móstoles adiantaba a liña de presión, buscando roubar preto da área de Manu Táboas. Pero era a balón parado, concretamente con dous saques de esquina, cando máis dano xerou o conxunto local, poñendo en perigo a portería do Arosa co cabezazo dun Recalde que se lamentaba despois de rozar o empate.
Seguiu tentando devolver as táboas o Móstoles, que gozaba da mellor ocasión ata o momento de novo a balón parado. Cumpríase o 27 e o capitán Portilla botaba desde o bordo da área unha falta moi perigosa que se estrelou na barreira.
Empezaba a pasalo mal o Arosa, ao que lle custaba saír da forte presión rival e non atopaba espazos cos que sacar beneficio salvo con balóns illados que chegaban sen perigo. Mentres, os locais seguían poñendo a proba a Manu Táboas, que se tiña que esmerar para deter en dous tempos o disparo de Álvaro Sánchez desde dentro da área pequena.
Xa na recta final da primeira metade, o partido púxoselle máis feo ao Móstoles, que de novo tiña que mover ficha no banco polas molestias na perna dereita do central Tito, que se retirou lesionado. No seu lugar entrou Alexander.
Saíu como un revulsivo o conxunto madrileño tras o paso polos vestiarios e tivo o gol do empate nada máis comezar a segunda metade, pero a defensa e o gardameta do Arosa reaccionaron a tempo para salvar os mobles e manter o 1-0. Acto seguido, Julio Rey tentou saír ao contragolpe pero ante o rápido repligue dos xogadores rivais decidiu devolver atrás e iniciar con calma, morrendo a acción cun disparo afastado que se foi moi desviado.
Sufrían os de Vilagarcía ante as chegadas do Móstoles. Sanjurjo estrelaba un disparo no pau da portería visitante e tentou responder ao pouco o Arosa cun centro de Fontán que chegou ao segundo pau, desde onde Julio Rey buscou o segundo para o seu equipo, pero o balón foise rozando a portería.
O ritmo estaba a ser frenético. O Móstoles seguía buscando o empate por mediación de Portilla, que recibiu o esférico ás costas da defensa pero pegou mal coa zurda e Manu Táboas detivo.
Chegábase á hora de xogo e chegou a polémica. O Arosa reclamou unha posible falta sobre Piay en campo rival que o colexiado non pitou, xerando o conxunto madrileño un contragolpe que pillou a toda a defensa arlequinada descolocada e esta vez Portilla, desde banda dereita, sacou un zurdazo imparable para Manu Táboas co que anotou o 1-1.
Tentou reaccionar o conxunto adestrado por Jorge Otero nada máis sacar de centro con Pedro Beda, pero Recalde meteu a perna para desviar a un córner que quedou en nada. Mentres, na portería contraria volvía ser determinante o 1 do Arosa, que sacaba unha e outra vez as castañas do lume ao seu equipo ante as continuas chegadas dun Móstoles que estaba a merecer máis do que reflectía o resultado.
Non había respiro. As ocasións sucedíanse unha tras outra e a zaga arousá achicaba como boamente podía. Estaba a pasalo mal o conxunto arlequinado e nun visto e non visto, Cotilla, da nada, sacou un zambombazo afastado imparable para Tejero que deixou xeado a todo El Soto, colocando ao Arosa, de novo, por diante no marcador (minuto 75).
Co 1-2 a favor, o técnico Jorge Otero decidiu mover ficha en defensa para amarrar tres puntos que foran moi difíciles conseguir. Pola súa banda, o Móstoles, seguiu traballando como ata o de agora, rozando o empate cun remate de Álvaro Sánchez que se foi rozando a rede.
Os minutos íanse consumindo e o Arosa tentaba alongar como boamente podía cada xogada, buscando, sobre todo, manter o esférico afastado da portería de Manu Táboas, á que seguía chegando o Móstoles con balóns parados que non atopaban rematador a pesar de subir con todos os seus efectivos o equipo madrileño.
Xa no desconto, os locais tiveron desde un saque de esquina, ao que subiu a rematar mesmo o gardameta, o gol do empate, pero o balón foi desviado e o partido morreu aí, finalizando nun 1-2 que dá tres puntos vitais ao Arosa.
Relacionadas:
-
O Arosa retoma os adestramentos cun ollo no mercado e outro na pandemia
Por Redacción |
-
O Arosa suma un traballado empate contra o Leganés B (2-2)
Por Almu Dapena |
-
Complicado duelo para acabar o ano para un Arosa reforzado animicamente
Por Almu Dapena |
-
Móstoles, parada para un Arosa "doído"
Por Diego Espiño |
-
Demasiado castigo para o Arosa no derbi contra o Compostela (0-1)
Por Almu Dapena |
-
Curto e xusto triunfo dun Pontevedra dominador fronte a un ordenado pero inofensivo Arosa (1-0)
Por Cristina Saiz & Ramiro Espiño |
-
Traballado triunfo do Arosa sobre o Salamanca (1-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |