Móstoles, parada para un Arosa "doído"
Por Diego Espiño
Tras as dúas últimas derrotas, ambas as dúas con polémica e especialmente a segunda deixando a sensación de merecer moito máis, o Arosa quere volver á boa senda na súa visita ao campo do CD Móstoles madrileño (domingo, 12.00 horas).
"O equipo despois do último partido está doído. Estamos tocados", recoñece Jorge Otero molesto por non traducir en puntos as sensacións do equipo sobre o verde.
O técnico iso si prefire non facer máis ferida nas cuestións arbitrais ao ser "é algo que nós non podemos controlar", e convencido de que "seguro que imos ter durante o ano algunha xogada dubidosa que nos favoreza, pero non podemos espera que iso suceda".
Nesta ocasión o conxunto arlequinado visita o sexto clasificado, un Móstoles que só perdeu un encontro como local no que vai de curso.
"Non expón moito e sobre todo por dentro ten moi bos xogadores", analiza Otero facendo especial marcaxe sobre un "moi bo dianteiro" como Álvaro Sánchez, autor de 8 dos 16 goles que conseguiu o seu equipo.
O adestrador arosista asegura que "me preocupa como estea o campo", en alusión ao céspede do Estadio Municipal El Soto, aínda que deixando ese aspecto de lado avanza que o bloque madrileño "vainos esixir sobre todo estar moi atentos, non cometer erros".
Jorge Otero avanzou tamén que o centrocampista Pablo Porrúa é dúbida ao non poder completar as sesións desta semana por problemas físicos.