Maratón de piragüismo esta fin de semana en Verducido
Por Manu Otero
O complexo deportivo David Cal de Verducido acolle esta fin de semana o campionato de España de maratón curto para as categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Serán dúas xornadas, 28 e 29 de agosto, de intensa actividade deportiva no encoro do Pontillón do Castro, onde se darán cita 541 padeeiros procedentes de toda España.
Cada unha das categorías constará de dúas semifinais, das que sairán os clasificados para a regata polo título. A actividade comezará ás 9 horas do sábado coa cateogría cadete, e ás 19.30 está prevista a saída dos absolutos. O domingo celébranse as probas dos veteráns. Os piragüistas, tanto na modalidade de canoa como de kaiak, deberán completar un percorrido de 3.500 metros que inclúe un total de dous porteos.
A competición foi presentada este xoves no Concello de Pontevedra polo titular de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea. "Este está sendo o ano da piragua para Pontevedra", recoñeceu o concelleiro convencido de que a proba será un éxito de participación, público e tamén para a economía local.
Despois de explicar o regulamento da proba, o representante da federación quixo destacar a importante tradición piragüística de Pontevedra, que foi a "semente" da que brotaron o resto de clubs das rías de Pontevedra e Arousa.
Coa disputa deste campionato non remata a actividade no Pontillón, pois para o martes está previsto un selectivo do que sairán os representantes españois para o mundial que se celebra en setembro en Dinamarca.
Relacionadas:
-
As promesas do piragüismo pontevedrés póñense a proba no mundial de Portugal
Por Redacción |
-
Boa imaxe do piragüismo pontevedrés no Campionato de España de Maratón Curto
Por Redacción |
-
O encoro de Verducido convértese no centro de alto rendemento para os canoistas españois
Por Manu Otero |
-
Pontevedra estrea o primeiro campionato de España de piragüismo para veteranos
Por Redacción |