A pantasma do descenso, un pouco máis lonxe
Por Diego Espiño
Os resultados converteron máis se cabe nunha quimera pensar para o Pontevedra Club de Fútbol en meterse entre os seis primeiros e por tanto conseguir a permanencia pola vía rápida con opcións de pelexar pola Primeira RFEF.
Máis aló do triunfo dos granates, paso indispensable, dous dos tres equipos que non podían sumar máis puntos fixérono, coa vitoria do Deportivo fronte o Celta B e o empate do Compostela en Zamora, converténdoos en equipos inalcanzables a falta dunha xornada.
As mínimas esperanzas para os de Luisito pasan agora por unha tripla derrota do Racing de Ferrol nos seus dous encontros aprazados, o primeiro este mércores no Vao ante o Coruxo, e por suposto por vencer o 28 de marzo en Guijuelo, data do último encontro da primeira fase tras o aprazamento decretado pola Real Federación Española de Fútbol.
Sería un milagre, pero xa o era antes da xornada da fin de semana, e por iso o técnico prefería incidir na importancia de gañar para afastar unha pantasma do descenso que, no caso de non conseguilo, teríase convertido en máis real que nunca, e é que de perder os granates estarían ocupando unha praza de descenso directo a Terceira sumando os puntos dos equipos dos dous subgrupos 1-A e 1- B.
Esa pantasma, o da caída a Terceira, afástase un pouco coa goleada do domingo, que tamén supón igualar o average a un rival directo (avantáxanlle en 7 goles no xeneral). De feito o Pontevedra a falta da última xornada sería o equipo con maior puntuación actualmente da fase pola permanencia xunto ao Oviedo B, ambos dos dous con 21 puntos. Por detrás, con 20, aparecería o Lealtad na praza que quedaría a expensas das puntuacións do resto de grupos, e xa en descenso seguiríanlle o Salamanca con 18 puntos, Coruxo con 17 (e un partido menos), Sporting B con 16, Covandonga con 14 e o Guijuelo con 9 puntos.
Quedaría un longo camiño para asegurar a súa presenza, como mal menor, na Segunda RFEF, pero iniciar a segunda fase con 24 puntos, no caso de vencer en Guijuelo, sería un bo punto de partida para conseguilo.
PLAN DE TRABALLO
Sen partido a fin de semana, o corpo técnico dos granates decidiu manter o seu plan de traballo habitual para preparar o desprazamento a Guijuelo, aínda que se pase ao 28 de marzo. Desta forma tras protagonizar unha sesión de recuperación o luns e descansar este martes, o primeiro plantel volverá ao traballo o mércores con adestramentos matinais previstos ata o vindeiro sábado, todos eles en Xeve.
Relacionadas:
-
O fútbol profesional, un chanzo máis lonxe para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luisito recoñece que o Pontevedra ten "menos puntos dos que mereceu" e só pensa en "traballar e ser fortes mentalmente"
Por Almu Dapena |
-
O Coruxo vence o Racing, dispara as opcións do Pontevedra para ser sexto e aperta a fase pola permanencia
Por Manu Otero |
-
Aprazada ao 28 de marzo a última xornada da Segunda B no grupo 1-A
Por Diego Espiño |
-
Bocanada de aire para o Pontevedra cunha reparadora goleada fronte ao Coruxo (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |