A Deputación aumenta a axuda aos clubs deportivos para equiparar os recursos dos equipos femininos e masculinos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra destinará un orzamento de 850.000 euros aos clubs deportivos da provincia que participan en competicións federadas de ámbito nacional. Este cifra significa un incremento do 9,7% con respecto as bases do ano anterior e serán as primeiras que equipararán por completo os recursos que reciben os equipos femininos e masculinos.
A presidenta do goberno provincial, Carmela Silva, destacou este feito como un novo paso para garantir a plena igualdade no deporte. "Cando chegamos ao Goberno non había ningunha perspectiva de xénero nin de apoio ao deporte feminino, senón máis ben todo o contrario. Nós xa en todas as bases puntuabamos máis que houbera equipos femininos. Certo é que os masculinos teñen máis costes, pero tamén o é que as mulleres estamos nunha situación de discriminación no deporte. Polo tanto agora van recibir exactamente os mesmos recursos", puntualizou.
Así mesmo, Silva lembrou que o ano pasado estas axudas chegaron a 81 clubs de 21 concellos, e destacou que este aumento de orzamento garantirá que os equipos femininos teñan os mesmos recursos que os masculinos.
Tamén anunciou que nas vindeiras datas a Deputación aprobará outra serie de axudas para os clubs de elite e para as outras categorías. Este investimento para o ano 2021 supón unha achega de 3,1 millóns de euros.
Relacionadas:
-
A Deputación recibe os clubs deportivos de elite da provincia nun "acto de orgullo"
Por Redacción |
-
Inicio de curso para as DEPOrte Escolas
Por Redacción |
-
Luz verde da Deputación ás subvencións ao deporte federado de nivel autonómico e aos clubs de Preferente
Por Redacción |
-
A Deputación equipara axudas a clubs femininos e masculinos e promove accións de apoio ao emprego e á cultura
Por María José Pita |