Luz verde da Deputación ás subvencións ao deporte federado de nivel autonómico e aos clubs de Preferente

Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou na súa última reunión as bases das subvencións para clubs deportivos da provincia que participen en competicións federadas de ámbito inferior nacional.
Trátase dunhas axudas que ascenden a 600.000 euros na súa totalidade, dos que 100.000 euros destinaranse aos clubs de fútbol de Preferente.
"O noso apoio ao deporte é incuestionable", defendeu a presidenta provincial, Carmela Silva, tras dar a coñecer a medida, lembrando que só uns días atrás aprobouse tamén un investimento de 850.000 euros destinado a aqueles clubs deportivos que participan en competicións federadas de ámbito nacional.
Silva sinalou que as subvencións aprobadas responderán a un procedemento de concorrencia competitiva, polo que se terán en conta unha serie de criterios como o número de licenzas federativas totais, número de licenzas de categoría basee ou formativa, número de técnicas ou técnicos e adestradoras ou adestradores, número de licenzas femininas e de deporte adaptado.