A Deputación equipara axudas a clubs femininos e masculinos e promove accións de apoio ao emprego e á cultura
Por María José Pita
Este venres a Deputación de Pontevedra celebraba a súa Xunta de Goberno. Entre os temas que se acordaron nesta reunión atópase a aprobación das bases que rexerán as subvencións para clubs federados en competición nacional.
"Neste caso falamos dun investimento de 850.000 euros, que son 75.000 euros máis que o ano pasado, polo tanto un aumento de un 9,7%", explicaba a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen engadía que estas subvencións serán en réxime de concorrencia competitiva e "son as primeiras bases dende que gobernamos nas que temos decidido que imos equiparar por completo os recursos e contías que reciben os equipos femininos cos masculinos" en liña coa perspectiva de xénero que segue o organismo provincial.
A presidenta lembraba que en 2020 con estas bases financiouse a 81 clubs federados repartidos por 23 concellos da provincia de Pontevedra. E para este ano incide en que "nós temos moi claro que imos apoiar á cultura e ao deporte", por iso o aumento das achegas en todos estes ámbitos.
APOIO A FESTIVAIS AUDIOVISUAIS E MUSICAIS
No tocante ao apoio á cultura, na Xunta de Goberno aprobáronse dúas liñas: as bases das axudas para os festivais audiovisuais e as destinadas aos festivais musicais e de artes escénicas.
"Tanto un como outro programa o seu orzamento ascende a 300.000 euros", apuntaba Silva, para a continuación añadir que a marca propia da Deputación baixo a que se agrupan os festivais audiovisuais da provincia, os Rías Baixas Film Fest, atópase plenamente consolidada.
Con estas achegas, darase continuidade ao apoio ao FICBueu, Novos Cinemas de Pontevedra, Festival de Cans no Porriño, PlayDoc de Tui, Galician Freaky Film Festival de Vigo, Primavera de Cine de Vigo, Curtas Festival de Imaxinario en Vilagarcía, Festival de Cine Inclusivo de Vigo e o Armadiña de Poio.
No caso de artes escénicas e músicas, dende o organismo provincial apuntábase ao apoio que se deu durante o 2020 a festivais con ampla tradición e que se agarda teñan continuidade este ano como a Festa Folk de Vilariño, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival Rock in Rio en Ponteareas, o Festival Internacional de Títeres de Redondela ou o Festival Canteira Fest en Vilaboa, entre outros.
AXUDAS Á CONTRATACIÓN
Para fomentar a xeración de emprego, a Deputación aprobaba nesta mesma Xunta de Goberno un investimento de 1,5 millóns de euros para que nove concellos da provincia poidan contratar a 147 persoas desempregadas a través do Plan Concellos. Os receptores destas axudas serán os municipios de Ponte Caldelas, Caldas de Reis, Meis, Vilagarcía, A Illa de Arousa, Soutomaior, Mondariz, Rodeiro e Tomiño.
Máis en detalle, na comarca de Pontevedra, Caldas de Reis recibirá unha achega de 201.254€ para a contratación de 11 persoas traballadoras, o mesmo número que poderá contratar Ponte Caldelas, que recibirá unha subvención de 128.212 €. Entre os municipios do Salnés, Vilagarcía poderá contratar a 38 persoas, cunha achega de 311.816,91€; o concello da Illa de Arousa contratará a 10 persoas cun orzamento de 91.636€ e o de Meis, a 9 persoas traballadoras, cunha axuda de 109.968,48 €.
Estas axudas súmanse as que hai unha semana se aprobaron para 25 concellos máis, de modo que en total, o Plan Concellos da Deputación promoverá só nestes primeiros días dos mes de febreiro que 482 persoas poidan acceder a un emprego nun dos 34 concellos beneficiarios, grazas a unha inxección económica do organismo provincial de 5,1 millóns de euros.
OBRAS EN MARÍN
O concello de Marín tivo presencia nesta Xunta de Goberno coa aprobación de dúas actuacións financiadas polo organismo provincial que suporán un investimento de máis de 143.00 euros.
Esta achegas encádranse dentro das axudas do Plan Concellos e permitirán renovar e mellorar o alumeado público no lugar de Castro, así como financiar a construción dun columbario e oito panteóns no cemiterio municipal da Raña.
REVISIÓN DE PONTES
Na Xunta de Goberno tamén se adxudicou o contrato que vai servir para inspeccionar, avaliar e realizar un inventario das pontes das estradas provinciais dependentes da Deputación de Pontevedra. O prazo de execución é de dous anos e o orzamento de cerca de 218.500 euros. "Queremos ter un coñecemento das características deses pasos para detectar se houbese anomalías e poder actuar nelas e polo tanto poder garantir unha seguridade total", apuntaba Carmela Silva.
VIOLENCIA DE XÉNERO
Outro dos asuntos tratados foi a aprobación das bases que van regular a convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para fomentar a igualdade de oportunidades e previr a violencia machista neste 2021.
Esta convocatoria de axudas conta cun orzamento de 230.000 euros e, segundo indicaba a presidenta provincial, "con estes recursos os concellos van poder presentar proxectos para actividades de sensibilización, formación e prevención contra a violencia machista, proxectos e iniciativas das mesas locais de coordinación contra esta violencia, proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas da violencia machista, as súas fillas e fillos e/ou persoas dependentes ao seu cargo, programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, proxectos que buscan tamén que se promovan os plans de igualdade nos concellos, tamén as accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade. E polo tanto recursos para que a igualdade sexa tamén unha prioridade nos concellos da provincia de Pontevedra".
Relacionadas:
-
A Xunta reparte entre 72 clubes da cidade axudas por valor de 837.000 euros
Por Redacción |
-
A Deputación aproba 250.000 euros para a celebración de actividades deportivas na provincia
Por Redacción |
-
O Goberno provincial favorece a contratación de 757 persoas e aproba axudas para actividades turísticas
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva: "En Madrid un concerto con case 5.000 persoas, e as concentracións das mulleres non?"
Por María José Pita |
-
A Deputación aumenta a axuda aos clubs deportivos para equiparar os recursos dos equipos femininos e masculinos
Por Redacción |
-
A Deputación destinará 300.000 euros ao Rías Baixas Film Fest e aos festivais de música e artes escénicas
Por Redacción |